Comezo de curso

Esta é unha de tantas noticias -non novidosas senón recorrentes- que fan presenza en medios de comunicación como pano de fondo dun calendario inexorábel. Todos os anos hai comezo de curso, vacacións, todos os anos chega o Nadal, os temporais de inverno, os calores do verán... e todos os anos non deixa de medrar o paro, pero as leituras e as interpretacións orientadas van mudando.

No pasado franquista falábase pouco do paro. Para iso xa existía o Instituto Español da Emigración, que vehiculizaba man de obra para traballar no estranxeiro. Se emigraban, non contaban como desempregados. Mesmo podía semellar que era froito dunha libre decisión dos traballadores convertidos de súpeto en aventureiros de fábrica e hostelaría.

O certo é -utilizando termos científicos, non opinións- que a capacidade do aparato produtivo propio da economía española sempre estivo por baixo das necesidades de creación de postos de traballo para a poboación en idade de traballar ou simplemente a poboación activa de feito.

Isto quer dicer que o que é cativa é a dimensión da industria, da agricultura e dos servizos españois. O que non ten dimensión adecuada é a capacidade do investimento privado para xerar mais crecemento produtivo. Dúas das actividades básicas, en que se fundou o ‘despegue’ español, a construción e as actividades económicas vinculadas ao turismo, non son en si mesmas xeradoras de actividade multiplicadoras de máis investimentos, nen de actividades produtivas novas, nen de avanzos tecnolóxicos nen de melloras a longo prazo para o crecemento estábel e certo. A construción nova ten un límite que está marcado polo propio espazo, cando non pola racionalidade de non precisar novos edificios. Os turistas teñen liberdade mundial de escolla do lugar para visitar máis cómodo e barato, e sol e praia hainos en máis lugares no mundo que na España mediterránea. É dicer, os pés de barro da economía española, hoxe inserida na mundial, marcan con toda certeza as debilidades da capacidade produtiva española de se aproximar á cifra teórica do pleno emprego no capitalismo: entre 2-3% de paro considérase paro soportábel (mesmo pleno emprego), normal nas economías desenvolvidas do noso entorno.

Entre as variadas receitas-ocorrencias dos asesores dos gobernantes -PP, PSOE- para lle pór remedio usouse o ensino como imprescindíbel ariete do cambio social a alcanzar, a través da cualificación da man de obra. O ensino converteuse así tanto en dereito como en medio de cambio persoal, social e estatal para demostrar o interese público en actuar sobre a variábel traballador, pero por desgraza sen mudar a variábel capacidade de emprego ou empregador. Agora temos acadado o maravilloso récord de ser o país da OCDE con maior nivel de paro xuvenil, o pior país en eficacia do gasto en ensino e o pior país en expectativas de futuro para as novas xeracións. Grazas a internarmos os nenos aos 3 anos nunha gaiola cun adulto durante 5 ou 8 horas diarias. Serán distintos humanos os finlandeses, os suecos ou xaponenses, ou os brasileiros? Deberiamos considerar esto. É merecente de análise.

Comentarios