Comeza o pintado da sinalización viaria que fará da Piringalla unha zona 30

O Concello repasará 16 pasos de peóns en varias rúas, cambiará direccións e fará algunhas vías de sentido único

Contorna do colexio Luis Pimentel, Lugo. XESÚS PONTES (AEP)
photo_camera Contorna do colexio Luis Pimentel, Lugo. XESÚS PONTES (AEP)

O cambio de sinalización no barrio da Piringalla —que o convirtirá, polo menos parcialmente, nunha zona de circulación a 30 quilómetros por hora— xa comezou e será efectivo a finais da semana que vén. Os traballos iniciáronse polo repintado dos sinais horizontais para logo instalar os verticais.

Deste xeito, a rúa Santo Grial, no tramo comprendido entre a rúa Lavandeira e Angelo Colocci, e a rúa Angelo Colocci, entre Santo Grial e Gallego Tato, serán zonas limitadas a 30 quilómetros por hora. O goberno local decidiu adoptar estas medidas na contorna do colexio con máis alumnado matriculado da cidade, o Luis Pimentel, e con dous institutos que concentran uns 1.000 estudantes: Muralla de Lugo e Ánxel Fole. Ademais, lembrou onte que esa medida cumpre co acordo plenario de dotar de zonas 30 á contorna dos centros escolares, ao igual que fixo xa nas avenidas Ramón Ferreiro e Rodríguez Mourelo o pasado mes de outubro.

Desde o Concello destacouse que esta sinalización persegue mellorar a calidade de vida e a seguridade dos veciños. Tamén, que o seu obxectivo coa iniciativa é favorecer "a mobilidade inclusiva".

Ao mesmo tempo que se produce este cambio de velocidade, tamén se repinta a sinalización de 9 pasos de peóns nestas rúas, e outros 4 en Gallego Tato, onde recentemente se instalaron pasos de peóns con luces led. Complementarase a acción co repintado das marcas viais e os tres pasos de péons do cruce de Santo Grial con Mar Cantábrico e Manuel María. Paralelamente, tamén se realizará o cambio circulatorio na rúa Avutarda, pasando a ser de sentido único, todo iso coa finalidade de mellorar a seguridade e a circulación da zona.


Novo paso para a rúa Milagrosa

A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa rexistrou unha petición ante o Concello para que se pinte un paso de peóns na confluencia das rúas Mallorca e Milagrosa.

O colectivo destacou o número de peticións de veciños recibidas reclamando ese paso e lembrou o gran volume de tráfico da zona, pois non só moitos dos coches que circulan pola rúa Mallorca acaban incorporándose á da Milagrosa senón que esa vía tamén recibe tráfico da rúa Yáñez Rebolo

Comentarios