Opinión

Coma nós?

Vivimos tempos confusos e mesmo nos poñemos aros no nariz, como adoitaban facerlle aos cochos para que non fozasen na maseira

NALGURES LIN hai tempo que as pastelarías e as florerías son marcadores do benestar das sociedades. Enténdese que, en non sendo artigos de primeira necesidade, a súa proliferación correspóndese co benestar. Talvez os cans non sirvan para marcar o estado da economía. De serviren, teriamos razóns para o optimismo. Porén, mesmo moitos mendigos contan coa compaña dun destes animaliños.

Non me gustan os cans. Queda dito, aínda que moleste. Endexamais lles faría dano. Sempre lles daría de comer e os defendería, mais nunca metería un dentro dun piso. Nunha casa de campo, si. De feito cheguei a ter unha pastora alemá con once cachorros nos meus tempos do Torrillón, na Mariña luguesa.

Son plenamente consciente de que este rexeitamento, a miña imposibilidade de acariñalos, é unha eiva da infancia. Dunha banda, aínda luzo nun cóbado o sinal dunha trabada de hai máis de sesenta anos. Doutra, a obsesión do noso pai polos quistes hidatídicos e outras doenzas atribuíbeis ao contacto con certos animais, levouno a prohibirnos que os tocásemos.

Ben sei que en moitos casos son beneficiosos para a saúde porque fan compaña e dan agarimo a quen carece de cousas tan necesarias. Deixando isto á parte, ultimamente teño a impresión de que gozan de máis dereitos que os humanos. E, francamente, moléstame que me digan que están tan limpos coma min. Adoito responder, aínda que con reparos, que pode ser, pero que unha persoa é unha persoa e un can é un can.

Vivimos tempos confusos –eu diría que de involución na escala animal– e mesmo nos poñemos aros no nariz, como adoitaban facerlle aos cochos para que non fozasen na maseira, ou mercamos roupa rachada e tatuamos marcas na pel, tal poldros na rapa das bestas, todo por seguir a moda que, digan o que queiran, neste caso si incomoda.

Así pois, se queremos unha convivencia tan estreita cos que chaman mellores amigos do home –e da muller, claro–, non estaría de máis humanizalos no que se refire aos seus hábitos hixiénicos. Non pode ser que un velliño con problemas de próstata, poño por caso, sexa sancionado por facer augas na vía pública e, en troques, estas mascotas convertan as rúas en urinarios e algo máis.

Lembro ter visto hai ben anos burriños para turistas en Castell de Guadalest equipados con certo tipo de calzóns ou cueiros para recoller as súas feces. Outro tanto fan moitos cocheiros cos cabalos a fin de que os excrementos non caian no chan.

Non haberá alguén que deseñe un dispositivo deste tipo para cans? Faríase de ouro. Doutro xeito, por moito que recollan todo o posíbel, as rúas son verdadeiros relicarios do noxo.

Os cans son doutros; as súas deposicións, seica, nosas. Non semella xusto.

Comentarios