'Cinema': retratos do audiovisual galego

O fotógrafo guitiricense Juan Luis Tomé expón no Madia Leva de Baamonde unha colección de 18 retratos de seis actrices 
Juan Luis Tomé, no Madia Leva. JAMY CORRAL
photo_camera Juan Luis Tomé, no Madia Leva. JAMY CORRAL

Juan Luis Tomé é arquitecto técnico. Esa a profesión que escolleu e á que se segue dedicando, aínda que nos últimos tempos a está a compatibilizar coa súa paixón pola fotografía, da que se pode ver unha boa mostra estes días no Madia Leva de Baamonde. Alí expón Cinema, unha colección de 18 retratos con seis recoñecidas actrices galegas como protagonistas.

"A fotografía non é algo que tivese meditado ou planificado", lembra. Pero despois dunha exposición con retratos de veciños, comezou a recibir chamadas. Deuse de alta como fotógrafo para non ser cómplice da competencia desleal e dende entón compaxina "o casco pola mañá e a cámara pola tarde".

Fai foto social, pero os retratos, para a xente do mundo da moda, do audiovisual ou particulares son o seu sinal de identidade. E entre fotos de familia ou sesións infantís con mascotas, chegou a oportunidade da actriz Beatriz Serén a través de amigos comúns. "Ela abriume a porta para que outras compañeiras se fixasen no meu traballo", di Tomé. E chegaron Carmen Méndez, Ledicia Sola, Desiré Pillado, Paloma Otero e Sonia Méndez, as seis protagonistas da exposición que se pode ver en Baamonde.

"Jamy Corral propúxome facer unha exposición e non me podía negar", lembra, e xurdiu a idea. "Non foi premeditado, tiña o material e un fío condutor, así que o falei con elas e a todas lles pareceu unha boa idea" a mostra pola que está a recibir felicitacións e da que se sente orgulloso, sobre todo polo seu carácter reivindicativo.

"Temos un audiovisual con grandísimos profesionais, diante e detrás das cámaras, que non se valora o suficiente, non se recoñece, e hai series galegas que están triunfando en Europa", di, agradecido de poder poñer o seu gran de area para "dalo a coñecer".

Comentarios