O cincuentenario da igrexa de Santa María de Guitiriz estréase cunha exposición

A artista María José Rodríguez amosa distintas perspectivas do templo a través dunha ducia de obras pictóricas

Inauguración da exposición na igrexa de Santa María de Guitiriz. C.PÉREZ
photo_camera Inauguración da exposición na igrexa de Santa María de Guitiriz. C.PÉREZ

Os actos conmemorativos do cincuentenario da consagración da igrexa do Sagrado Corazón de María de Guitiriz estreáronse a pasada fin de semana coa inauguración dunha mostra pictórica na que se reproducen distintas perspectivas exteriores do templo, elababorada pola artista María José Rodríguez García.

A exposición, que poderá verse ata finais de setembro no templo, recolle unha ducia de creación, todas elas á venda, feitas en acuarela ou técnica mixta. "Esta igrexa vela todos os días e non cansas" asegura a pintora, que ideou as obras expostas exclusivamente para os actos do 50 aniversario.

Os actos conmemorativos da consagración do templo vivirán o seu día grande o 22 de agosto, cunha misa oficiada polo bispo da diócese de Mondoñedo-Ferrol

Rodríguez, que reside en Vilagarcía pero ten raíces familiares en Guitiriz, localidade da que se confesa "namorada", tamén está a elaborar unha publicación "de carácter descritivo" sobre a igrexa, que verá a luz nos vindeiros meses.

O párroco de Lagostelle, Óscar Santiago, adiantou que en agosto se fará outra mostra con imaxes da construción do templo, un proxecto iniciado nos anos 40 polo cura Manuel Bande, aínda que a consagración non se produciría ata o 22 de agosto de 1968. E este é o día escollido para celebrar unha misa solemne polo 50 aniversario, que presidirá o bispo da diócese de Mondoñedo-Ferrol, Luis Ángel de las Heras.

Dende a parroquia guitiricense avanzan que tamén teñen previsto organizar máis actos nos vindeiros meses, coma a inauguración dun novo vía crucis ou a celebración dalgún concerto. 

Comentarios