Chantada brinda ao ritmo do viño noutro éxito de público

Viña Garoña, Instinto Romano, Sabatelius Carballo e Neno da Ponte Canceliña gañaron a cata profesional de caldos

Había medo ao mal tempo, pero case sempre reinou o sol. Tampouco cundiu a preocupación polo coronavirus, que protagonizou non poucos comentarios e bromas. A edición número 38 da Feira do Viño de Chantada congregou numeroso público debaixo da carpa instalada na Praza de Galicia durante tres días de festa e exaltación vinícola.

Participaron 14 adegas. Todas levaron un agasallo coma agradecemento ao seu traballo mentres outros gozaban dos viños. A asociación galega de enólogos foi a encargada de seleccionar os de mellor calidade na cata oficial que a organización celebra cada ano.

Na categoría de brancos, o galardón máximo levouno Viña Garoña. Completaron o podio Calexotes Godello e Papeiros e Rabudos. A honra de ser o mellor tinto levouna Instinto Romano, caldo ao que seguiron Albarduxe e Sabatelius Mencía.

As 246 persoas que participaron no concurso popular de degustación decantáronse por Papeiros e Rabudos 2019

A cata oficial reservou dúas divisións máis, unha para os viños doutras añadas e a última consistía nun premio á mellor presentación. Na primeira destas categorías proclamouse gañador Sabatelius Carballo 2017, en segundo lugar saíu elixido Castrofiz Barrica 2017 e o podio completouno Cabo do Mundo Outro Lado 2018. Neno da Ponte Canceliña 2018 recibiu o mérito da mellor presentación da Feira do Viño.

O público asistente ao certame tiña a opción de participar na súa particular escolma. O gañador da cata popular -contou con 246 persoas- foi Papeiros e Rabudos 2019, seguido de Terra Bendaña 2019 e Marqués de Garoña 2018.

ACTIVIDADES. Foi unha Feira do Viño especial, con mencións ao 8-M, Día Internacional da Muller, e cunha actuación sorpresa que tivo lugar este domingo. A banda de gaitas de Chantada cumpre 30 anos de traxectoria e no seu aniversario subiu ao escenario para sorprender os espectadores cunha actuación onde non podía faltar a famosa muiñeira chantadesa.

Iso foi despois de que Ricardo González lera o pregón. Este empresario venezolano con orixes na Lagariza (parroquia de Nogueira) deixoulle a súa voz á Feira do Viño cunhas verbas nas que subliñou as súas orixes e enxalzou tanto o viño como a contorna.

Outra das novidades desta Feira do Viño atopábase no auditorio municipal. Alí se instalou un túnel do viño, para que os interesados nos caldos puidesen degustar tranquilamente cada referencia participante e logo ir directamente ás adegas mercar as súas preferidas. Os promotores amosáronse moi satisfeitos coa recepción que tivo esta iniciativa.

A xornada estivo marcada pola tranquilidade. Só houbo que lamentar a intervención da ambulancia do 061 para auxiliar onte a unha muller que sufriu un baixón de tensión. Quedou nun susto.

Comentarios