A cervexa de Vilarello que sabe a centeo

O cereal foi esencial na comarca dos Ancares para dar teito ás pallozas ou facer pan, pero grazas a Mireia Rodríguez e Manuel Gutiérrez del tamén saíu a primeira Rye Ipa da serra, a Colmo, escolmada gran a gran na parroquia de Donís
2020092312100079277
photo_camera Manuel Gutiérrez e Mireia Rodríguez. EP

Calquera persoa que beba unha cervexa Colmo debería saber esta historia. O seu inicio sitúase hai tres anos, pero aínda hoxe Mireia Rodríguez sente arrepíos ao lembralo. Aquel día de outubro tivo medo de que o lume devastase a casa da súa nai, e de tantas xeracións que a precederon, en Vilarello de Donís. Na terrible vaga de lumes de hai tres anos, esta aldea cervantega foi das máis afectadas. As lapas rodeárana por enteiro. "Foi un atentado", di.

Ese enfado, rabia e impotencia abriron, sen embargo, un camiño inesperado. A familia de Mireia decidiu volver traballar as terras durante anos en barbeito nese lugar ao que tanto ameazou o lume. Nel, antano, coma en tantas outras zonas da parroquia, medraba o centeo, ou como alí se di, o pan. Unha maneira de chamar o todo pola parte que non é caprichosa: o centeo era o pan de cada día e de cada casa, tan necesario para cocer o alimento como para teitar as pallozas.

Así, o pai de Mireia quixo recuperar o seu cultivo. E toda a familia seguiulle, para segar, mallar, escolmar e atar os colmos cos brincallos. Ata que o ano pasado, o compañeiro de Mireia, Manuel Gutiérrez, pensou noutro xeito de aproveitar o cereal. Xa na súa terra natal, Oamaña, nas montañas leonesas, tíñalle dado voltas aos produtos que se poderían producir alí. "Porque todo o que sae de aquí, da montaña, é un diamante", di.

A familia de Mireia decidiu volver traballar as terras de Vilarello tras o impacto emocional que lles causou a vaga de lumes do 2017

Amante da cervexa, hai dous anos gardara unha Rye Ipa Beavertown que lle serviron na Coruña, unha das producidas por Logan Plant, o fillo de Led Zeppelin. Era a primeira cervexa de centeo que probaba, deliciosa, e da que curiosamente gardou a botella, coma se dentro dela houbese unha mensaxe.

Vendo como mudaban as terras co centeo en Vilarello, preguntouse: Por que non aproveitamos aquí o gran, e facemos con el unha cervexa? Nesta ocasión, tamén todos seguíronlle coa idea. Lugar ían ter para vendela, xa que a familia rexenta o Hotel Piornedo. E foi dicilo e xa estaban os grans do cereal correndo cara a León, para seren alí xerminados, tostados e secados, e posteriormente cara á fábrica artesá en Valladolid.

O CUME DA CERVEXA. Conta Manuel que as Ipa (India pale ale) foron un invento dos ingleses, aos que se lles estragaban as cervexas na ruta en barco á India colonizada. Para solventar o problema, aumentaron a cantidade de lúpulo, coa fin de que non se lles estragase, e obtiveron esa cervexa densa e amarga que hoxe está tan de moda.

Os tres lotes de cervexa, de 500 litros cada un, foron moi ben recibidos polos clientes do Hotel Piornedo, que tamén rexentan

Coa Colmo, a Rye Ipa fixo cume en Galicia co centeo autóctono da parroquia de Donís, máis resistente e bravo ca outros. O primeiro lote, de 500 litros, esgotouse axiña. Todos os visitantes do hotel preferírona a outras, e as reaccións foron moi boas, contan Mireia e Manuel. A segunda queríana ter no seu establecemento para a Semana Santa, pero veu o confinamento. Para buscar saída ao produto, esta fábrica de Valladolid abriu unha canle de venda online. A Colmo foi das máis vendidas.

O terceiro lote, con outros 500 litros, deulles sabor ao verán. A tan boa recepción non deixou de sorprender a quen buscaba na Colmo non só un negocio, senón un xeito de recuperar, coidar e dar valor á propia terra.

A súa idea é continuar. Escoller lugares de distribución, continuar coa venda en internet e servir a Colmo no mostrador do Hotel Piornedo. "É incrible que de algo tan terrible como foron aqueles lumes saíse este proxecto tan fermoso. Por iso cando alguén di que lle gusta a cervexa, emociónome pensando no que hai detrás", conta Mireia. Saber a historia cambia un pouquiño o sabor.

Comentarios