O centro da vida social e da cultura

O Centro Cultural e Recreativo de Vilalba como entidade naceu nos anos 60, cando as xuntanzas dos integrantes se facía no antigo cine da vila. Logo de mercarlle o terreo á familia Fraga, inaugurouse o día 26 de decembro de 1981o seu actual asentamento na praza da Constitución

Partidas simultáneas no Centro. EP
photo_camera Partidas simultáneas no Centro. EP

Xogaban ao parchís, ao tute, ao dominó... Pero co paso dos anos ese costume foi esmorecendo e aqueles xogadores insaciables foron marchando, como Pepe Apenela, José Luis ‘Chelo’ Mosquera, o socio número un, ou Manuel Fraga. Pero outros moitos aínda recordan as xuntanzas no Centro Cultural e Recreativo de Vilalba (CCR), onde os invernos eran menos invernos polas moitas actividades que se realizaban.

Así o recorda Juan Cancio, socio dende 1975, "cando cheguei a Vilalba, porque eu nacín en Ferreira do Valadouro", quen define ese centro cultural como "un centro de cultura, efectivamente". Pero moito antes xa botara a andar a asociación que lle dá nome ao edificio, "alá polos anos 60", cando as reunións aínda se facían no antigo cine de Vilalba, ubicado preto do actual edificio de Sanjurjo Moda. O 26 de decembro de 1981 fíxose realidade o soño de ter un local propio, "cando se lle mercou o solar (na Praza da Constitución) á familia Fraga con créditos, aportacións dos socios e algunha subvención", recorda Cancio, antigo concelleiro vilalbés e "socio de cantas entidades hai na vila".

Antes do ter local propio na praza da Constitución, as reunións da entidade celebrábanse no antigo cine de Vilalba

Se hai un ‘deporte’ no que é experto e do que lamenta "que hoxe en día non hai ninguén con quen xogar", ese é o dominó, ao que adicou moitas horas entre partidas ou campionatos "a nivel de Galicia. Aquí viña xogar de xente de toda a comunidade e, incluso, de Valencia", conta diante do seu fillo, Juan Manuel Cancio, encargado de recoller a testemuña de Rogelio Mato como presidente da asociación en 2011, logo de que pasaran por ela Pepe Apenela, o primeiro, José María Seoane, Agustín Baamonde, pai do actual alcalde de Vilalba, ou Domingo Somoza, entre outros.

Os dous conversan sobre os tempos pasados da entidade e do centro e compáranos coa actualidade, na que lamentan que "non se manteña a esencia daquela primeira asociación de Apenela", conta Juanma. E é que os primeiros anos de andaina da mesma foron especialmente intensos. Entre aquelas catro paredes e catro pisos de altura sucedíanse as charlas, as presentacións, os cursos, os bailes e os encontros de xogos de mesa.

Entre os coloquios que máis éxito colleitaron Juan Cancio teno claro: "As que daba Eugenio Basanta Curbera sobre urbanismo eran interesantísimas, era un home que coñecía moito ese terreo". E as presentacións de libros, eventos que se seguen realizando, tamén contaban cunha importante afluencia de público. A primeira delas foi a de Domingo Goás (tamén de Vilalba igual que Basanta Curbera e promotor da Feira do Capón) coa súa obra Un viaje por Europa "sobre o caso que levou perante a Comisión Europea de Dereitos Humanos de Estrasburgo e gañou. Foi o primeiro letrado español que o fixo", relatan con certo orgullo pai e fillo.

A primeira presentación dun libro que se fixo no Centro foi a de Domingo Goás, coa súa obra Un viaje por Europa

Os nenos e a mocidade vilalbesa daquel entón tamén tiña o seu oco especial no CCR, especialmente con motivo do Día das Letras Galegas. Nas datas próximas ao 17 de maio, os colexios e institutos vilalbeses dábanse cita no edificio situado na céntrica praza vilalbesa para que cada pequeno recitase un anaco dunha determinada obra. "A primeira  que se leu foi Sempre en Galiza, de Castelao", aclara Juanma Cancio, "e o día 17 os que lían eran os representantes e presidentes das asociacións que había en Vilalba", engade seu pai.

Asistentes a unha obra teatral. EPOutros importantes eventos, como o era o Baile de la Flor vai quedando no esquecemento, aínda que algún do estilo se siga conservando e con bastante sona. O que se celebra en fin de ano segue atraendo aos mozos da vila, que dispoñen dunha oferta nocturna notablemente inferior con respecto á decada anterior. O Entroido, a sesión vermú no FIV, as festas privadas, as conferencias, os concertos e a colaboración con outras entidades vilalbesas son determinantes para que o CCR, como agrupación e como edificio, non caia no abandono.

Ao seu bar, que cumpriu tres anos,seguen achegándose moitos veciños, mentres que para outras actividades propias da asociación (excursións e as citas mencionadas anteriormente) son exclusivas para os socios, "encargados de manter con vida o Centro". A día de hoxe non deixa de sumar integrantes, polo que a iniciativa daqueles mozos emprendedores dos anos 60 ten o futuro asegurado, mentres as cartas e o dominó agardan por quen queira xogar con eles.  

Comentarios