Imprimir

Centos de persoas participan na Festa do Polígono

Cristina Arias | 21 de junio de 2016

Varios momentos da festa do polígono.
Varios momentos da festa do polígono.
A cita superou tódalas expectativas con máis de mil racións de churrasco repartidas

A XIII Festa e Xuntanza do Polígono Industrial de Vilalba, organizada pola asociación de empresarios Sete Pontes, en colaboración co Concello, acadou un novo éxito. Centos de persoas reuníronse nunha cita que pretende reforzar a unión entre os empresarios nunha festa que xa é un clásico do calendario vilalbés, que sempre se celebra por estas datas, como benvida ao verán.

A xuntanza, que contou cunha gran churrascada como marca a tradición deste evento, superou as expectativas dos organizadores, xa que se repartiron máis de mil racións do prato degustación. En total, os cociñeiros prepararon 400 quilos de carne de churrasco, 70 de liscos, repartiron 120 barras de pan e uns 100 litros de viño.

«O obxectivo é reunir aos socios -nesta festa colabora un 99% dos membros da asociación Sete Pontes, que suma 120 empresarios actualmente-, aos empregados, invitados, familiares e clientes», din os organizadores.

Nesta ocasión, a maiores da comida, houbo un hinchable para os máis pequenos e instalouse unha pantalla xigante para que os presentes puideran ver o fútbol e o partido de España non fose excusa para non asistir á festa. Despois houbo animación musical e baile. Sobre o escenario estiveron os integrantes da Sintonía de Sancovade e o dúo Pedriñas.

Durante toda a festa, ademais, repartíronse máis dun cento de agasallos e descontos nos negocios da localidade e sorteouse unha bici.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/noticias/centos-de-persoas-participan-na-festa-do-poligono/20160621000000378549.html


© 2020 El Progreso de Lugo

Rúa Ribadeo 5, Lugo

Tlfno: 982 29 81 00

(Grupo El Progreso)