Opinión

A catástrofe humanitaria de DomusVI

Das 600 persoas mortas pola Covid-19 en Galicia un 46% morreron nas residencias da terceira idade. E máis do 25% nas residencias de Geriatros e demáis sociedades do grupo DomusVI, sobranceando os 50 mortos dos 150 residentes de San Lázaro-Santiago de Compostela e as 29 persoas mortas na Residencia de Aldán-Cangas (dun total de 100 infectados sobre 142 residentes), e 27 de Barreiro-Vigo. A primeira non foi intervida pola Xunta e as outras dúas si.

Estes números chocan cos das residencias públicas onde case non houbo infectados nin, xa que logo, falecidos. E teñen moito a ver coa xestión do servizo sociosanitario que os distintos actores privados desenvolven no noso País diante da neglixente actuación da Xunta de Galicia, na súa tripla función de comitente dps contratos públicos de xestión das residencias públicas de xestión privada, concertadora das prazas financiadas con fondos públicos nas residencias de xestión privada e Adminitración competente para a autorización de apertura e inspección do funcionamento dos operadores privados neste eido asistencial.

Ademais chove sobre mollado. O Consello de Contas denunciaba no seu informe de 2017 que no 2014 houbo 65 actas de inspección e no 2015 57 que constataron graves incumprimentos en residencias de xestión privada. Moitos destes incumprimentos atinxían ao miolo da cuestión: o incumprimento dos ratios mínimos de persoal (0,35 traballadores/persoa dependente usuaria). En ningún destes casos resolveríase a deficiencia nas seguintes visitas inspectoras. En ningún destes casos a Xunta seguiu un procedemento sancionador nin impuxo sanción ni medida correctora ningunha. Mentres, o presidente da Xunta, preguntado “ad hoc” no decurso das súas comparecencias cotiáns durante esta tempada de pandemia, negou tres veces (como San Pedro no Evanxeo) coñecer un informe que constitúe de seu unha das preocupacións anuais sobranceiras das persoas que ocupan un alto cargo na Xunta de Galicia.

U-la causa da catástrofe humanitaria nas residencias de xestión privada de DomusVI e doutros operadores fronte á ausencia de casos nas públicas do Consorcio Galego de Servizos Sociais? Porqué no primeiro caso estase a gañar cartos, malia que non se cumpran as ratios de asistencia e no segundo estase a coidar das persoas usuarias.

Cando semella que o perigo desta primeira ondada da Coivid-19 está a pasar falta aínda un mea culpa do Presidente da Xunta que permitiu, coa súa inacción, que existisen as circunstancias de base que permitiron esta catástrofe humanitaria. E falta tamén unha explicación pública do grupo DomusVI e da súa CEO viguesa.

Geriatros obtivo no 2018 unha marxe positiva de explotación de 15 M € sobre os 85 M€ facturados. Gaña moito máis por usuario do que gasta na súa alimentación. Na vida existe moita máis causalidade ca casualidades.

Comentarios