A Casa de Manuel María recibiu 5.000 visitas en 2017

Retoma o seu horario habitual de apertura tras o descanso do Nadal e prepárase para celebrar o medio século do libro 'Os soños na gaiola'

Actuación do grupo Os Minhotos na Casa Museo Manuel María. EP
photo_camera Actuación do grupo Os Minhotos na Casa Museo Manuel María. EP

A Casa Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, recibiu ao longo do ano 2017 máis de 5.000 visitas. Esta cifra consolida a boa acollida que a proposta cultural do centro tivo durante o ano 2016, cando se dedicou o Día das Letras Galegas a este escritor chairego.

Tras un descanso que coincidiu coas vacacións do Nadal, a Casa Museo Manuel María retoma este sábado a súa actividade co horario de visitas habitual, de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 19.30 horas os sábados, e de 11.00 a 14.00 horas os domingos. É posible concertar citas para outros días da semana, ofrecemento que aproveitan habitualmente os centros educativos.

Os escolares, de feito, foron os visitantes más frecuentes. Tamén se organizaron visitas por parte doutros colectivos, de carácter familiar ou a título individual. A casa está aberta a calquera interesado na figura e na obra de Manuel María e no seu legado.

No centro organizáronse durante 2017 actuacións teatrais e musicais que se manterán tamén durante o ano 2018. Nesta nova tempada, destaca a celebración do 50 aniversario da publicación de Os soños na gaiola, a primeira obra poética en galego destinada ao público infantil e xuvenil. Para conmemorar esta efeméride, está previsto reeditar a obra. Será un facsímil da primeira edición acompañada das ilustracións que o artista Reimundo Patiño fixo en 1969 sobre un exemplar da primeira tirada que lle regalou Manuel María.

A programación da casa comezará o día 20 coa peza teatral Mal de moitos, a cargo do grupo teatral da Sociedade Cultural Medulio, a partir das 20.00 horas. O 3 de febreiro, ás 18.00, o grupo musical-teatral Migallas representará Merenda con pan de millo.

Comentarios