Opinión

Casa da Cultura Manuel María

SE BARBADÁS ou Foz, entre outros, teñen unha casa da cultura bautizada co nome de Manuel María sinceramente non entendo como na capital da Terra Chá o Partido Popular se nega a esa homenaxe. Penso que poucas persoas máis suscitarían un maior consenso social como o poeta de Outeiro de Rei, Manuel María Fernández Teixeiro, pai literario da chaira lucense. De feito a sociedade cultural chairega, ben sexa a título individual, ben a través dos distintos colectivos está a organizarse para conseguir que ese espazo cultural situado no corazón da vila pase a recibir o nome dun dos nosos poetas nacionais.

Non é a primeira vez que se fai o intento e auguro que tampouco será a última. No mes de xullo a proposición (levada por Vilalba Aberta no pleno anterior) decaeu por non acadarse o mínimo dos votos a favor de dous terzos da corporación. Isto foi así pola abstención do PP que aínda que louvaba a figura do poeta de Outeiro xustificaba o voto por que dende o PP son "contrarios á asignación de nomes concretos a edificios públicos".

Onte mesmo publicábase na páxina web da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega un "manifesto a prol do recoñecemento a Manuel María outorgándolle á Casa da Cultura de Vilalba o seu nome". Este manifesto comeza agradecendo ao Manuel que escollese a capital da Terra Chá para pronunciar o discurso que o elevaba a membro da Real Academia Galega. Este acto solemne e multitudinario celebrouse o 15 de febreiro de 2003 no Auditorio Municipal Carmen Estévez de Vilalba.

Neste punto o lector xa se imaxinará porque traio a colación o anterior manifesto (que non deixa de xustificar o estreito vínculo entre o autor e a vila chairega). Efectivamente o maior dos edificios dedicados á cultura recibe o nome dunha leonesa (filla de ourensán) que o único vínculo (e mérito) que tivo con Vilalba foi o de casar con Manuel Fraga. Aí vai o primeiro edificio público con nome de persoa que se lle pasou ao PP sen darse conta.

O outro non só é un edificio, senón todo un conxunto formado pola Biblioteca Municipal ou o IES Basanta Silva, que recibe o nome de Cidade Cultural Manuel Fraga. Pese ás múltiples obras que propiciou en Vilalba este coñecido político durante o a súa presidencia na Xunta de Galiza non deixa de ter un pasado escuro e vinculado co réxime ditatorial nada propicio para nomear un complexo cultural- educativo, dende o meu punto de vista.

Aplaudo polo tanto as múltiples iniciativas que están xurdindo arredor desta inquedanza, sobre todo a do Iescha que está a xuntar as achegas dun número importante de persoas pertencentes a distintos ámbitos, tanto xeográficos como profesionais, e con distintos formatos: a música, o recitado, a debuxo, a pintura, o comentario, a loa...

Remato cos primeiros versos do poema titulado Vilalba, pertencente ao libro seguramente máis querido polo Manuel, o Terra Chá, e que inclúe múltiples referencias a esta vila (Madrigal a Vilalba, Castelo dos Andrade, Poemiña do río Madalena...):

Vilalba, dona da Chaira
soportando un ceo gris:
¡sobre a gracia da abelaira
anda a cantar o malvís...!

Comentarios