Imprimir

Cando resolven os cidadáns

Carmen Uz / El reverso de la semana | El reverso de la semana / A semana do revés

El Progreso de Lugo | 26 de junio de 2016

EN UN sistema público como o que temos neste país, con toda seguridade viviríamos moito peor. Coas súas eivas e os seus vicios, as administracións provennos de servizos e protéxennos, alomenos na teoría. Porén, a necesidade de revisar moitos dos seus aspectos parece fóra de toda dúbida. Con demasiada frecuencia, os administrados acaban sendo vítimas, unhas veces como individuos e outras coma colectivo. E, tamén con frecuencia, o pobo acaba demostrando máis capacidade de reacción que a administración. Resulta que, despois de anos pelexando para que a administración -a que fora- se fixera cargo dos comedores escolares, descóbrese que a súa xestión é alegal -por dicilo fino-, as administracións implicadas entran nunha espiral de escusas e reproches e está por ver se as asociacións de nais e pais non teñen que volver a facerse cargo do servizo, aínda que sexa de xeito provisional.

A Consellería de Educación deixaba entrar nas súas instalacións a unha empresa de cátering sen saber en que condicións. Iso é o que di. Alega que ninguén lle comunicou que a firma non tiña contrato con ningunha administración ou entidade habilitada, e di que agora, cando faltan tres meses para o novo curso, xa non hai tempo para asinar un convenio co Concello. Aínda que nos últimos días parece que reconsiderou a posición e ambas administracións din que van facer o posible por tratar de arranxar a situación.

Neste tema, o Concello tampouco xogou moito mellor papel. Durante anos presumiu, e non era para menos, de terlle resolto ás familias un problema que lle correspondía atender á Xunta. A propia administración autonómica acabou por recoñecer o comedor como un recurso educativo complementario. O problema é que o Concello solucionou o problema dunha maneira tan peculiar que se fai difícil pensar que fora por descoñecemento ou por deixadez. O feito de que, en menos dun mes, o goberno pasara de recoñecer que había que «regularizar a situación» a negar que o Concello prestara o servizo de cátering, non axuda a pensar mellor. Ese é o problema. O contrato que ten coa empresa Vitae é para actividades extraescolares e apoio ao comedor e é esta firma quen ten subcontratado o cátering, coa empresa (Central II) e nas condicións que considerou. Quen se fai responsable se hai un problema coa comida ou un accidente cun neno? Aí está unha das lagoas. Non está de máis lembrar que Vitae percibe uns 200.000 euros ao ano do Concello, máis o que ingresa das familias: catro euros por neno e día se son usuarios fixos e 5 euros se a asistencia é eventual. Nos últimos cursos fixeron uso do comedor uns 500 nenos. Un contrato xeitoso.

Estas son as contradicións dunha administración -a pública, en xeral- que noutros casos pode que peque de garante. Hai un home que no ano 2013 pechou unha senda pública ao lado do río Mera, na zona de servidume do cauce. Primeiro cun valo metálico e agora cunha parede de pedra, á antiga usanza. A Confederación Hidrográfica abriulle un expedente no seu día, que tardou un ano en resolver -a lei dá ese prazo- e recentemente outro, pero o infractor recorreu administrativa e xudicialmente, o muro segue aí e as persoas que camiñan ou fan deporte por ese camiño teñen que subir polo monte.

Na Ronda da Muralla dáse agora mesmo outra situación que contrapón garantía e eficacia e que se repite cada pouco tempo noutros lugares da cidade. A casa número 48 leva anos en ruína, supón unha ameaza para os viandantes e está dentro do ámbito de protección dun monumento que é Patrimonio da Humanidade. O Concello deu orde de arranxo á propiedade e multouna por primeira vez en 2009. Sete anos despois van case 30.000 euros en sancións, das que o Concello non cobrou nin a primeira, houbo que cortar a beirarrúa ante o risco de desprendementos e, dado que a propiedade non actúa, o Concello xa se prepara para baleirar o edificio e estuda embargar a propiedade e subastala. Está ben protexer os dereitos individuais, pero é probable que iso acabe provocando un gasto público non menor, que ademais será moito maior ca se a ruína se atallara antes.

Outras veces sucede ao revés, a lenta resposta das administracións, sexa por cumprimento de prazos legais sexa por ineficiencia técnica e/ou políticas, leva aos cidadáns a resolver o problema pola súa conta, ás veces co risco de meterse noutro. Na primavera pasada, varios piragüistas optaron por retirar coas súas propias mans as árbores que bloqueaban a ponte romana e impedían a práctica deportiva. A Confederación fai ese traballo varias veces ao ano, pero non as suficientes e a madeira acabou por mover unha pedra na ponte. Recolocala vai saír máis caro que andar a tempo.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /blog/carmen-uz-reverso-semana/cando-resolven-os-cidadans/20160626205555478587.html


© 2020 El Progreso de Lugo

Rúa Ribadeo 5, Lugo

Tlfno: 982 29 81 00

(Grupo El Progreso)