Cando o progreso aterrou en Baleira

O mediodía do 23 de xullo de 1950 quedou marcado na historia de Córneas, en Baleira, como o momento no que o avión militar Casa C-352 aterrou, de emerxencia, nunha leira do lugar. Sete décadas despois as causas do accidente son dubidosas, pero o certo é que cambiou a vida dos veciños nos tres anos que estivo alí.
2020082318174230977
photo_camera 2020082318174231000

HAI 70 ANOS a parroquia de Córneas, en Baleira, recibiu unha inesperada visita, a dun avión militar español que aterrou de emerxencia nunha leira do lugar de Escanlar. O 23 de xullo de 1950 o avión Casa C-352 tivo que facer desta horta unha improvisada pista de aterraxe debido a un fallo que, a día de hoxe, aínda está por determinar. O investigador Serafín Trashorras indica que, de todo o particular suceso, o que máis chama a atención é que "era un avión relativamente novo, con poucas horas de voo" polo que o feito de que se vise abocado a unha aterraxe de emerxencia é aínda máis estraño se cabe.

Como relata Luis G. Pavón nunha reportaxe publicada na Revista Española de Historia Militar, a aeronave despegara ás nove da mañá de Xetafe e o seu destino era o aeródromo de Rozas, en Castro de Rei. Este debería ser "un voo tranquilo, pero os problemas xa comezaron cando levaban menos dunha hora no aire, pois tiveron que facer unha parada no aeródromo salmantino de Matacán por fallos no motor central", apunta Trashorras. Aínda que puideron retomar a viaxe sen grandes complicacións, ao chegar a zona do Bierzo, o piloto, Enrique Villar, comezou a ter problemas de visión debido á aparición de neboeiros.

A isto uniuse posteriormente a avaría de dous dos tres motores do avión. A única solución que o piloto viu naquel momento foi a aterraxe forzosa. Serafín destaca "a habilidade de Villar, que decidiu desprender a porta lateral do avión para que, en caso de que houbese un incendio, puidesen saír facilmente do aparello"; ademais, executou a complexa manobra de xeito que ningún dos oito pasaxeiros resultou ferido de gravidade. O avión tampouco sufriu danos moi importantes, pois ademais da porta arrincada só presentaba danos "no patín de cola", indica o investigador.

A aterraxe en Córneas foi fortuíta, pero marcou o día a día dos veciños e veciñas da zona. A aldea baleiresa era, a principios da década dos 50, un lugar bastante remoto, polo que a chegada do avión "foi unha revolución para os veciños", afirma Trashorras. A aeronave permaneceu na mesma leira durante case tres anos, e nese tempo converteuse nunha atracción turística, recibindo visitas de persoas tanto de zonas limítrofes como mesmo de lugares máis afastados, pois para moitos era a primeira vez que podían ver de cerca este avión. Durante ese periodo estivo custodiado por militares, primeiro por catro e, posteriormente, por dous.

Durante os anos que estivo en Córneas o Exército barallou varias solucións para a súa situación. Entre estas atopábase a construción dunha pista de despegue improvisada, sen embargo, esta idea foi desbotada "debido á pendente que había no terreo, dun 20% aproximadamente, que facía practicamente imposible a manobra", indica Trashorras. Finalmente, o aparello foi despezado, e con el fóronse todas as posibilidades de averiguar cal foi a causa do accidente. Serafín sostén que foi provocado "por unha sucesión de desencadeantes, como as malas condicións meteorolóxicas, os fallos dos motores e a posible falta de combustible". Esta última é a causa máis plausible, e puido darse debido a que o aparello estaba avariado e perdía combustible, ou ben simplemente por un despiste á hora de volver encher o depósito.

A caída do avión en Córneas aínda segue a ser un misterio, tanto "polo lugar onde se produciu, como polo feito de que, a pesar da perigosidade da manobra, todo o mundo saíu practicamente ileso", asegura o investigador. Pero ademais de ser un suceso rocambolesco, a chegada do C-352 foi para moitos veciños o primeiro contacto coa vida moderna e progresista que se empezaba a abrir camiño nas grandes cidades, e serviu para poñer no mapa esta pequena aldea montañesa.

Comentarios