"Cando isto acabe, pasarei unha semana enteira polos bares de Monterroso"

O confinamento de... Marta Álvarez, gandeira e empresaria
Marta Álvarez. EP
photo_camera Marta Álvarez. EP

Onde está a pasar o confinamento?
Na miña granxa, a Granxa Maruxa, na parroquia monterrosina de Cumbraos, coas miñas vacas e dous traballadores, nun espazo de 52 hectáreas...

Como o soporta, que cousas fai día a día?
Xa que as vacas esixen traballo diario, o resto do tempo aprovéitoo para facer cousas que tiña pendentes neste tempo no que acostumabamos ter moita feira e mercado. Por exemplo, limpei a carballeira. Está xa máis ordenada có meu armario.

Que será o primeiro que fará cando saia?
Ir aos bares de Monterroso. O primeiro que faga será tomar un café, pero ese mesmo día irei almorzar fóra, e tamén cear. Polo menos unha semana enteira pasareina nos bares. Boto moitísimo de menos tomar ese café fóra da casa, e por suposto hai que apoialos.

Que lección saca de todo isto, positiva e negativa?
Estámonos cargando o planeta, e a natureza estanos dicindo que paremos. Estou un pouco asustada co tema dos eucaliptos. Nesta carballeira que eu teño hai niños, está habitada. Pero na finca do lado, onde plantaron eucaliptos, non hai nada, nin paxaros nin nada. A biodiversidade é o equilibrio, e estamos a tempo de parar. Paremos, por favor, cos eucaliptos en Galicia. Non ao monocultivo! Agora tamén se ve que os peque niños aguantamos. A xente está encargando os produtos pola web, con mensaxes de ánimo. A ver se caemos da burra e nos damos conta de onde quedan os cartos dos produtos que compramos, con máis conciencia social. Nese sentido, hai xente que se está facendo consciente.

Sempre defendeu que o rural é o futuro, imaxino que agora máis.
Si, por suposto. Eu aquí son autosuficiente. Agora que se demostrou que o teletraballo é posible, penso que hai moita xente que vai decidir vir ao campo, tendo internet, que é algo que nos teñen que proporcionar con garantía. Se cadra, despois disto, a ‘España vaciada’ énchese un pouco. Na cidade non cabemos e aquí somos catro gatos, polo que se trata de buscar o equilibrio, como en todo.

Comentarios