Candia: "A percepción de Mondoñedo como un lugar vivo é cada vez máis unha realidade"

Despois de anos na política, a rexedora mindoniense tiña claro o seu proxecto para o municipio e dende o primeiro día
traballou en impulsar medidas para o seu desenvolvemento. Os piares básicos nos que se asentaron os seus proxectos
foron o impulso da actividade económica, buscando e apoiando o investimento, e o sector turístico

Elena Candia. J.VÁZQUEZ
photo_camera Elena Candia. J.VÁZQUEZ

Sostén que ser alcaldesa de Mondoñedo era o seu obxectivo político porque cría nos recursos do municipio para desenvolverse. Despois de ser concelleira de servizos sociais, emprego e xuventude dende 2003 a 2007 e portavoz do PP na oposición entre 2007 e 2015, Elena Candia leva algo máis de tres anos na alcaldía, un tempo suficiente para deixar a súa impronta nas políticas locais.

Que balance fai do mandato?
Partindo da base de que catro anos de mandato na administración non é un tempo longo para cumprir os obxectivos que se levan no programa electoral, é positivo. O obxectivo principal, que era incrementar os servizos sociais, témolo cumprido. Puxemos en marcha o centro de día, que era unha débeda histórica cos veciños, e complementamos os servizos que presta co transporte; colaboramos na ampliación da residencia e eliminamos a lista de espera de axuda no fogar coa creación de emprego que iso implica. Tamén aumentamos as prestacións para os nenos coa ampliación da gardería, a posta en marcha da ludoteca e empezou a funcionar un centro de atención temperá.

Dende o principio quixo proxectar Mondoñedo como un lugar para investir.
Intentamos demostrar que somos unha administración con actitude colaboradora para favorecer o investimento. Chegamos a acordos con proxectos público-privados e puxemos en valor o contorno de San Lázaro, onde xa hai dúas empresas ubicadas, unha terceira nave para desenvolver o proxecto de FP dual eólica cun convenio con Acciona e o IES As Mercedes de Lugo e xa hai solicitudes para a cuarta nave, que é a última que queda. Neste mandato tamén se deu a primeira licenza para asentar unha empresa no polígono industrial e está previsto que en breve se pida a segunda. Ademais, démonos de alta como un concello Doing Business, que é un instrumento para atraer investimentos e o espazo coworking, para tutorizar proxectos de emprendedores e de pequenas empresas que tivo a súa sede aquí, foi un éxito. A isto hai que unir a aprobación do Plan Xeral, non contar con el tamén era unha das circunstancias que impedía o asentamento de empresas.

"A nosa liña de futuro vai seguir sendo a de intentar atraer investimento"

O turismo é outra das apostas claras do seu goberno.
Si. Un dos nosos obxectivos era identificar aqueles recursos que permitisen xerar economía para evitar que a xente se fose e, neste senso, o turismo parécenos un filón dado o patrimonio co que contamos. Por iso decidimos poñer en valor Mondoñedo como destino turístico e fixémolo conseguindo una xestión sostible dos recursos máis importantes como a Cova do Rei Cintolo. Tamén levamos a cabo campañas de promoción e incluímos o concello en Cidades Creativas e na Asociación de Pueblos más Bonitos de España, por exemplo.

Ademais destes grandes proxectos, en que outras cousas traballaron nestes anos?
Se algo tiña Mondoñedo para valoralo en positivo eran os produtos de horta e non había ningún mecanismo que os identificara e os protexera; por iso rexistramos a marca Horta de Mondoñedo, á que xa hai adheridos catro produtores e seguimos traballando nela. Tamén posicionamos o concello como un destino para a realización de actividades deportivas e na natureza e intentamos mellorar as infraestructuras no rural, ademais de darlle un impulso ás concentracións parcelarias de Mondoñedo Norte e Sasdónigas. E tamén para o rural recuperamos os proxectos para adecentar locais sociais e dotalos de actividade para converterlos en puntos de encontro dos veciños.

Cre que conseguiron darlle a volta á imaxe de Mondoñedo?
A percepción de Mondoñedo como un lugar vivo é cada vez máis unha realidade. Aínda que sigamos poñendo en valor a tranquilidade e a idoneidade do concello como un lugar de descanso, temos que reivindicarnos como un lugar vivo que aportou moito no pasado e que ten que dar moito no futuro. E a nosa liña de futuro vai seguir sendo a de intentar atraer investimento, independentemente de colaborar en todo o posible cos emprendedores locais.

MOI PERSOAL: "En política cumprín obxectivos , pero non me cerro a nada"
Como combina a alcaldía coa portavocía do grupo popular na Deputación e a presidencia do partido?
A Deputación é unha institución moi importante e un escenario de oportunidades para aprender e complementar a actividade no Concello. O feito de estar nun goberno en minoría permitiunos cambiar a maneira de facer política e trasladar o proxecto de provincia aos concellos. O caso do partido é diferente, pero tamén é un escenario no que aprender dos compañeiros e un instrumento para desenvolver un proxecto de provincia.
Nun escenario como o actual, resulta complicado conformar as listas electorais?
É moi complicado, porque non resulta sinxelo atopar bos profesionais para a política por moitas razóns, pero unha delas é a exposición pública actual. Despois, facer equipos require moita dedicación, escoitar a moita xente e aínda así te podes equivocar.
E no seu caso, ten pensado volver a presentarse?
Iso é algo que habería que falar no seo do partido e tamén cos compañeiros do equipo de goberno, porque a súa colaboración e traballo foi fundamental nestes anos. Sería lóxico que repetise e teño proxectos e ganas.
Aspira a desenvolver carreira fóra do ámbito municipal e provincial?
Tiña un obxectivo que era chegar á alcaldía de Mondoñedo, polo que en política teño todos os obxectivos cumpridos. Non me cerro a nada, pero só participaría en proxectos nos que vise que realmente vou ser útil.

Comentarios