"O Goberno do Estado suspendeu e terá impacto en coalicións municipais"

O PP lucense obtivo os mellores resultados de Galicia e sumou un deputado. A presidenta do partido en Lugo pensa que a xente esquivou o medo que lle tentaron meter outras forzas políticas e foi votar. Agora toca responder á confianza traballando para afrontar a crise, di
Elena Candia. XESÚS PONTE
photo_camera Elena Candia. XESÚS PONTE

Hai quen xa a ve de conselleira tras o éxito do domingo.

Non me gusta nada iso. É especular. Cada un asume unha responsabilidade e o noso principal obxectivo era manter os oito deputados e a partir de aí subir o que se puidera. O meu foi traballar cóbado con cóbado co resto dos compañeiros. Que Lugo contribuíra á maioría era o noso compromiso, sen aspiracións persoais.

Feijóo felicitouna no seu discurso da noite electoral como unha gran triunfadora.

Agradézollo moito. Os recoñecementos que veñen de alguén que admiras valen máis. Encheunos cando o escoitamos e fíxonos sentir que o partido en Lugo fora fundamental nas eleccións.

Co poder que lle deron as urnas, que defenderá agora con unllas e dentes?

Eu creo que neste momento o que temos é que seguir traballando e demostrar o noso compromiso cos que foron os eixes da campaña: traballar para controlar e erradicar a pandemia e no plan de reactivación económica que o grupo elaborou coa colaboración dos expertos. En Lugo temos que centrarnos nunha das peores crises que temos visto, a da Mariña. Sempre da man da Xunta, agora temos que actuar con responsabilidade e compromiso.

Como valora o varapau do PSOE na provincia e o alza do BNG? Queda moito para as próximas citas electorais locais, pero os resultados do domingo poden trasladarse ao ámbito municipal?

Cada comicio ten a súa análise e os datos nunca son extrapolables. Pero penso que tamén hai unha lectura clara do que pasou o domingo: o Goberno do Estado suspendeu en Galicia. O PSOE quedou nunha situación delicada e Podemos, ou En Marea, practicamente desapareceu. O voto das mareas foi ao BNG, forza que merece unha felicitación.

E calcula consecuencias desa realidade?

Mentres o Bloque absorbeu a En Marea, o PSOE non absorbeu nada, queda debilitado, e penso que iso terá algún impacto nalgún goberno de coalición da provincia.

E no caso do PP, que lectura fai da diferenza dos resultados entre as autonómicas e as municipais?

Hai moitos veciños que nas autonómicas elixiron a papeleta do PP e temos que traballar para que nas municipais tamén a collan. É indubidable que en Galicia temos un gran líder, que ademais fixo unha gran campaña, con responsabilidade, con educación... Pero os datos din que temos marxe de mellora, porque se nunha campaña tan atípica como foi esta mobilizamos a tantísima xente na provincia, só podemos facer unha lectura construtiva e ver que hai moito espazo de mellora.

"Parece que a xente penaliza aos alcaldes pola visión catastrofista que tentaron dar e que fixo dano á imaxe da Mariña"

O PSOE non rendibiliza os éxitos de hai un ano.

Hai un suspenso claro do Goberno e dos líderes, que non se están portando ben con esta provincia, en especial coa Mariña, e son castigados polos lucenses.

A situación de Alcoa explica os bos resultados do PP e do BNG na Mariña?

Non o teño tan claro. O que si creo é que os cidadáns identificaron que o PSOE non estaba cumprindo con Alcoa. Polo demais, teño que recoñecer que non tiven tempo aínda de analizar con detalle os resultados, pero dubido de que o resultado do Bloque na Mariña teña que ver con Alcoa, porque o crecemento do BNG foi xeneralizado en toda Galicia. E se vemos os resultados dos concellos mariñáns que gobernan, a conclusión é que o resultado do PP foi excepcional. A verdade é que parece que os cidadáns penalizan un pouco o papel que xogaron os alcaldes con esa visión catastrofista, que provocou dano á imaxe da Mariña.

O PP creceu e conquistou o noveno deputado, pero caeu en número total de votos na provincia. Pensa que houbo xente, sobre todo maior, que non foi votar polo coronavirus?

Creo que houbo xente maior que non foi votar, si. Intentouse asustar moitísimo á xente durante a campaña e por iso hai que agradecer tanto a quenes traballaron na xornada electoral, dando seguridade aos cidadáns.

Como celebrou a vitoria?

Non o celebrei. Estiven na sede ata que falou o presidente e no local, polas precaucións polo Covid, houbo moita menos xente da que quixeramos ter. Marchei para a casa pronto e hoxe [por onte] empecei a contestar whatsapps de felicitación ás seis da mañá. Teño ganas de dar as grazas a todo o mundo e fáltame tempo.

Tras conseguir un éxito político evidente, que fará agora? Collerá vacacións? Cal será, no político, o seu primeiro movemento?

Estou coa tese, que a teño un pouco abandonada. E no político, haberá que reunir a xunta directiva do partido para valorar resultados, e tamén querería xuntar interventores e apoderados, para agradecer tanto apoio nunha cita electoral con tantas complicacións como a que vivimos.

Más en A Mariña
Comentarios