Opinión

Cambio de estratexia para subsistir

O QUE ATA o 10-N non servía, agora parece imprescindible. Cs, que rexeitara concorrer en listas conxuntas co PP, defende desta volta a unión do que chama constitucionalismo. Realmente trátase de españolismo, porque o PSOE, que non pode ser acusado de querer quebrar a Carta Magna aínda que sexa partidario dalgúns cambios, non entraría nesta extensión de Navarra Suma. Só serían os partidos de Casado e Arrimadas, que dificilmente aceptaría a Vox, pero o principal obstáculo parecen ser Galicia e Feijóo. Coincidirán neste ano, aínda que non na mesma data, as eleccións nas tres comunidades históricas, e aí queren os novos xestores de Cs ir da man do PP, vista a imposibilidade de superalo, pero se lanzan o órdago de ou nas tres ou en ningunha poden rachar, pois o presidente galego dificilmente o aceptaría, xa que aquí non é coma en Cataluña ou País Vasco, onde o PP é pouco máis que testemuñal. Galicia, aínda que Cs non é entenda, é distinta.