O GES do Courel e Quiroga e os bombeiros de Monforte tiveron que actuar durante a madrugada deste domingo en Parada (O Courel) para sufocar un incendio orixinado nun bungaló do establecemento Casa Carbiña.
O lume orixinouse sobre a medianoite e foi sufocado ao redor das dúas da madrugada. Segundo apuntaron fontes consultadas por este diario non houbo que lamentar danos persoais, pero a metade do bungaló, que ao parecer estaba en obras, quedou totalmente calcinado.
Algunhas hipóteses apuntan a que as chamas puideron orixinarse ao acender a cheminea unhas horas antes para pór a instalación a punto para retomar a actividade turística.
En casa Carbiña hai cinco bungalós. Nun deles hospedábase unha familia lucense que axudou a sufocar o incendio.