HAI HOMES QUE nunca choran porque non saben. Os poucos que saben chorar, choran de noite; desorientados na escuridade universal da cama. Ximen discretamente de costas ás súas parellas, que durmen cunha pracidez estrana e inconsciente, abrigadas polo extremo máis radical do edredón. Os homes choran porque teñen medo. Saben que abaixo, segundo a cidade descende nunha abrupta caeira ata o Miño, hai unha gran boca abríndonse no negror. Desta beira do río, hai homes chorando na cama coma se descenderan dentro de si mesmos con lámpadas de espeleólogos para descubrirse atrapados na sima dos vampiros. Alí preguntan «inutilmente ao Corazón, ao Ceo e ao Inferno», como no poema de John Keats; ese no que se cuestiona «Por que río esta noite? Ninguén responde». Na escuridade dos seus dormitorios hai homes que choran porque intúen o mesmo que o poeta de Londres: «Beleza, poesía e fama son intensas; máis intensa é a morte». Saben que cada noite a ponte branca que atravesa o Miño abre unha inmensa boca. Ergue un queixo que emerxe baixo a lama cuns dentes longos e delgados para engulipar a cidade. Pero os homes que choran lembran de súpeto, por experiencia, que nacerá unha nova cidade ao amencer. Daquela, adormecen rezando a oración infantil, tamén de Keats: «Xa onda ti, suave é a noite».
Buscar
Más en Noticias
Noticias
España vive temperaturas bajo cero mientras que Galicia afrontará una jornada de transición
Redacción
23/abr./24 18:21
Noticias
Dani González asinou un hat trick para apertar ao Outeiro na clasificación
Redacción
21/abr./24 22:46
Xogador do Folgueiro
Óscar Pérez Meitín marcou de penalti e no desconto para lograr a vitoria
Redacción
21/abr./24 22:10
Dianteiro do Paradela
Juan Manuel Silva, responsable dun hat trick na goleada ao Quiroga
Redacción
21/abr./24 21:30
Comentarios