Boa colleita nas mellores mans

A asociación de mulleres de Insua continúa cos traballos de recuperación do liño. A entidade, que soña con abrir un museo para non deixar olvidar, organizará unha nova tasca en outubro 
Mulleres de Insua, nas recolleita do liño. RUBÉN CARRICOBA
photo_camera Mulleres de Insua, nas recolleita do liño. RUBÉN CARRICOBA

A asociación de mulleres de San Bartolomeu de Insua, no concello de Vilalba, afronta unha vez máis a trintena de traballos do liño. E xa é o decimoprimeiro ano consecutivo recuperando a tradición textil nunha parroquia que  soña con ter algún día un museo propio nunha loita de non deixar olvidar e para divulgar un "tesouro" que  desaparece.

"Seguimos con esa idea para que todo o que estamos recollendo teña un sitio para achegalo á xente e transmitilo", di Lourdes Otero, a presidenta dun colectivo que trata con mimo cada traballo. Comezaron en maio sementando o liño, que mondaron en xuño.

Estes días arrincaron a pranta e ripárona, para sacarlle a baga. E prepararon o liño en lagueiros para metelo no río. Tras nove días, onte sacárono da auga para seguir cos traballos que culminarán en outubro, cunha tasca.

"Este ano foi moito mellor, aínda que choveu houbo moi boa colleita", di Lourdes. "Somos algo máis de 30 socias pero nos traballos normalmente estamos sobre unhas dez", engade, mentres enumera todo o que queda por facer, porque ao final traballan todo o ano. "Despois do río hai que secalo, mazalo e gardalo, logo amazotalo e ao fin tascalo". Iso será o 26 de outubro.

Comentarios