O BNG ficha o actor Anxo Lamelo de asesor de cultura

A maioría do persoal de confianza do goberno ten militancia política

2019071611421377544
photo_camera Anxo Lamelo. AEP

O actor, director e fundador da compañía Lucecús Anxo Lamelo, que ademais é biólogo e estreito colaborador da asociación ecoloxista Adega, será asesor da área de cultura, turismo e promoción da lingua no Concello de Lugo, á fronte da cal está a nacionalista Maite Fereiro.

O BNG seleccionou os seus cinco asesores entre a militancia. Continuará como persoa de confianza do primeiro tenente de alcalde, Rubén Arroxo, e referente na parte de comunicación, Vítor Otero, que xa exerceu como tal nos últimos anos e tamén foi asesor no bipartito da Deputación no pasado. Otero forma parte do consello local do BNG e con el estará Alfredo Gómez, responsable comarcal de Galiza Nova, que xa traballou na campaña das municipais, o mesmo ca Esther López, que será asesora do grupo municipal.

López ten unha longa traxectoria ligada ao BNG. Foi responsable comarcal entre 2013 e e 2016, dirixiu o Sindicato Labrego Galego en Lugo, traballou para a CIG e foi asesora do BNG na Deputación.

Por último, tamén se incorporará como asesor do grupo municipal Afonso Legaspi, que formou parte de listas electorais do BNG no Concello de Castro de Rei e traballou en diversas ocasións para a formación nacionalista. No último bipartito municipal percibía salario da administración local e exercía na sede da formación.

No PSOE, a xefa do gabinete de alcaldía será a xornalista María Martínez Val, que foi directora de Xornal de Galicia, traballou coa alcaldesa nos últimos meses e coordinará unha área de comunicación á que se incorporará María Varela, concelleira do PSOE en Chantada e ata agora responsable de márketing de ViniGalicia. O resto de asesores repiten: Enrique Fernández, en Protección Civil; Inma Estévez e Shirley Rodríguez, en alcaldía; Vanessa Martínez, de enlace entre esta e os concelleiros; Diego Pena, co edil Álvaro Santos; Alfonso Orol, con Miguel Fernández, e Alba Lozano, en Xuventude, con Ana González. Gran parte dos asesores socialistas militan.

Comentarios