O Bloque critica a frase 'Que non te bloqueen' no abridor de cervexa do PP de Xove

O BNG di que lle pecharon o Facebook por denuncias falsas ► Aos nacionalistas arrancáranlles carteis nos comicios xerais

Abridor do PP. BNG XOVE
photo_camera Abridor do PP. BNG XOVE

O BNG de Xove califica como prácticas irrespectuosas e antidemocráticas que o PP reparta polos domicilios do municipio un abridor de cervexa que leva impresa a frase Que non te bloqueen, e a mala actitude dos populares logo de que xa na recente campaña das eleccións xerais aparecesen os seus carteis rotos e despegados dos paneis próximos ao Concello, unha vez que xa foran repostos logo de seren arrancados.

Segundo o candidato do BNG á alcaldía de Xove, Xosé Hermida, "os carteis electorais tiveron que ser repostos en dúas ocasións despois de que persoas sen vergoña os romperan". "Así mesmo, ao longo desta semana, persoas afíns ao PP presentaron denuncias falsas ante Facebook para que a páxina do BNG de Xove fose cancelada por "contido inadecuado", igual que se estiveran a publicar pornografía, cando o único que facemos é espir as falsidades do PP e explicar as nosas propostas do programa electoral".

Engadíu Hermida que "a verdadeira razón desta falta de fair play dos populares débese á repercusión que están a ter as publicacións da candidatura do BNG de Xove nesa rede social, ao igual ca en Instagram". Sinala que os veciños lle están a trasladar a súa desafección co goberno local debido, entre outras razóns, "a este tipo de comportamentos maleducados que non levan a ningures".

Tamén Marco López criticou o "incumprimento das regras máis elementais da ética política" e defendeu o traballo de oposición que desenvolveron diante do goberno local nestes anos. "Traballamos como unha forza con vocación de gobierno, estudando a diario as medidas políticas que se poden levar a cabo para conseguir unha solución eficiente aos problemas reais do municipio", dixo o portavoz municipal do Bloque, quen pide explicacións dos xestores de bens públicos. "O Concello de Xove debería ser algo máis ca unha comisión de festas", critica.

Os nacionalistas de Cervo din que foi atacado o seu Facebook
O candidato do BNG de Cervo, Diego Fernández, tamén denunciou que a súa páxina de Facebook foi bloqueada e xestiona recuperala. "Os avisos que Facebook recibiu por parte de particulares polo noso suposto uso fraudulento da rede forman parte dun ataque deliberado para silenciarnos e facernos dano", di.

Dende o BNG defende a importancia das redes sociais directamente pois "este modo de comunicarse contrasta coa petulancia e insolencia doutras formacións como o PP de Cervo que recentemente repartiu en todas as casas do municipio un boletín propagandístico".

 

Comentarios