Imprimir

Berio Molina: "Fubarta' é unha gaita xigante que simula o canto dun tipo de balea"

El Progreso de Lugo | 14 de febrero de 2020

Berio Molina. PEPE FERRÍN
Berio Molina. PEPE FERRÍN
O artista fonsagradino inaugura no Museo Etnográfico unha exposición sobre esta peza única creada látex, bambú e pallóns de gaita

Para Berio Molina o son é a representación máis fermosa da arte. Escoitando o entorno ou xogando con elementos cotiás pódense manifestar expresións artísticas. Este fonsagradino leva media vida estudando este universo, no que se formou en Nova York, Barcelona ou Pontevedra. Agora leva ao museo da Fonsagrada, na súa querida terra, a mostra Fubarta, un descubrimento que non deixará indiferente a ninguén.

Presenta a exposición 'Fubarta'. Que pode atopar a xente que vaia descubrila?
Trátase dunha peza que elaboramos hai dous anos para unha película chamada 7 limbos. Había unha secuencia que rodamos nunha fábrica abandonada de Massó (Cangas), unha industria baleira e abandonada. Eu traballei hai tempo con gaitas xigantes e acordounos facer unha especie de gaita xigante que ía sonando pola nave. É de grandes dimensións, e está feita con látex, bambú, pallóns de gaita e un motor de aire.

De onde xurde o peculiar nome?
O nome cólleo dun tipo de balea denominado Yubarta, coñecida polo seu longo e complexo canto. A Fubarta emite un son denominado drone, creado polos roncos dunha gaita, que queda sonando durante uns 15 minutos. A medida que se vai desinflando van variando os sons, é moi curioso.

O son ten moito de fantasmagórico, pois é unha presenza que non podes ver, pero sempre está ao redor de ti

Un dos seus primeiros traballos foi a publicación do libro 'Setras', un estudo sobre o son da caligrafía. Como é iso?
Levo moito tempo traballando coa arte sonora, que implica escoitar moito o contexto no que estás. Así, fixeime no son que emana da escritura e como botaba de menos o debuxo comecei a debuxar letras, a repetilas unha e outra vez e a centrarme no seu son. Deste xeito, ao debuxar unha letra repetidamente deixa de representar un fonema para pasar a ser moitas outras cousas.

Foi un exemplar moi premiado, recibindo un galardón no Puchi Awards 2017 ou o premio Casa Encendida que premia ás propostas máis revolucionarias.
Si, agora mesmo estou traballando na segunda parte deste libro, que lle chamará Sonas.

É certo que detrás de cada letra hai un universo sonoro? Efectivamente, agora estou facendo unha tese sobre este tema que evolucionou moito. Cada letra chega a dividirse en trazos sonoros e ao combinalos pódense xerar outros elementos. Estou inmerso no laboratorio de sonas, como lle chamo a cada trazo, e estudo todas as combinacións posibles.

Fixeime no son que emana o acto de escribir. Ao debuxar unha letra repetidamente deixa de representar un fonema

Outro dos seus grandes proxectos foi a película '7 limbos'.
Propúxenme facer accións sonoras coa arquitectura e xogar cos edificios. Desde xeito unha pantasma ía recorrendo todas as localizacións, posto que o son ten moito de fantasmagórico, é unha presenza que non podes ver, pero está sempre ao redor de ti.

O artista Berio Molina. PEPE FERRÍN

Non hai moito lanzou o manifesto 'Piqui Piqui'...
É unha idea que puxen en marcha con Macarena Montesinos. Deseñamos un manifesto que eran guións de pequenas películas que tiñan dúas normas básicas: que fose algo rápido e lograr un hackeo da realidade, é dicir, chegar a un sitio e facer algo cos elementos dese lugar. Ocurríusenos xogar coas alarmas dos establecementos para variar o sistema e facer música con eses sons. Esa foi a idea, cambiar un elemento dun sitio para que xurdiran cousas novas.

Formouse en Belas Artes. Desde cando é un apaixonado da arte? 
Sempre me gustou este mundo e ao chegar á facultade de Pontevedra máis. Xunto a outras persoas fascinadas con este universo formamos o grupo Flexo co que nos fomos retroalimentando no tema da arte sonora, a performance e o audiovisual, e fixemos incluso un festival.

"Síntome atraído pola música desde pequeno, cando formei parte de Antaruxas e Sorteiros"
Que significa para un fonsagradino presentar a súa obra na súa terra?
Faime moita ilusión, atoparme cos amigos e facelo no Museo Etnográfico é moi especial, pois trátase dun museo que ten unha colección de arte contemporánea ligada a unha mostra etnográfica, unha unión moi interesante.

É un amante da música.
Síntome atraído pola música desde que formei parte sendo só un neno da asociación cultural Antaruxas e Sorteiros da Fonsagrada. Aprendín a tocar a gaita da man de Candal e Juanjo Fernández e Cándido Díaz deume clase de frauta traveseira. Gracias a eles tiven unha experiencia moi bonita e lúdica coa música.

De feito centra toda a súa actividade no ámbito sonoro.
Si, cando cheguei á Facultade de Belas Artes descubrín a arte sonora e intereseime moito por esa capacidade do son por manifestarse dun xeito plástico ou a través de ideas e formas e non só por estruturas musicais. É como un xeito de enfrontarte á arte desde o sentido e a sensibilidade.
Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/cultura/berio-molina-fubarta-gaita-xigante-simula-canto-dun-tipo-balea/202002141727041423306.html


© 2020 El Progreso de Lugo

Rúa Ribadeo 5, Lugo

Tlfno: 982 29 81 00

(Grupo El Progreso)