Blog | O voo da curuxa

Benaventurados os pobres

A Igrexa católica non debería prolongar a súa existencia, tal e como a coñecemos hoxe en día, máis aló da súa propia renovación. Esta afirmación pode parecer un augurio ou un simple desexo. Pero se a cidadanía é consciente de que ten que haber un cambio radical que acabe co imperio do capital, máis aínda deberían traballar para rematar co Imperio sacro-santo da igrexa católica. As condicións obxectivas e subxectivas están aí e a estas alturas da historia son máis que suficientes.

Esta entidade sen ánimo de lucro, que busca a felicidade eterna amando os demais como así mesmo e practica a caridade, parece dirixirse á súa autodestrución. Non nos sorprende o caso do "clan dos Romanones". Os doce apóstolos de Granada (dez eclesiásticos e dous segrares) que practicaban a pederastia, o amor aos demais ao seu xeito; facían apoloxía entre as súas vítimas do que chamaba o seu líder “vivir la sexualidad sin tapujos" ou "vivir la sexualidad con claridad de miras". Non sei se iluminados por Deus ou en santa revelación. Todo isto ao mesmo tempo que atesouraban un rico patrimonio, con parte do cal lavaban a súa conciencia e supostamente a do arcebispo.

Pensaba o pobo que estes señores optaban libremente por unha forma de vida casta e sen fortuna, pois iso afastábaos do seu maior amor. Quizais malinterpretamos o de alcanzar a visión beatífica de Deus? A que se refiren realmente?

Na mesma orde de cuestións obxectivas a analizar, encontrámonos co arcebispo emérito Rouco Varela e o seu nada desprezable ático de 359 metros cadrados, en cuxas reformas a igrexa gastou máis medio millón de euros. Vivenda valorada no mercado en 1,2 millóns de euros (o metro cadrado no barrio está valorado en 3600 euros). Esta vivenda como outros inmobles da Igrexa está exenta de pagar o Imposto de Bens e Inmobles; de facelo, corresponderíalle pagar un recibo de IBI anual entre 3500 e 4000 euros. Isto debe ser polo de practicar a caridade pero en sentido unívoco, matematicamente falando. Iso si, ten que pagar a recollida de lixo, dese imposto a igrexa non está exenta; aínda que creo que non hai suficientes colectores e camións para recoller a cochambre e inmundicia da casa do "señor".

Pensaba o pobo que estes señores compartían os seus bens e ao igual que Xesucristo expulsarían os mercadores do templo. Moi ao contrario distintas ordes relixiosas posúen algunha que outra SICAV. O máis próximo ao pobo desafiuzado é un Rouco Varela metido a ocupa no Arcebispado antes de facer a mudanza.

Deberiamos fuxir dun modelo de sociedade confesional. A sociedade española sufriu durante corenta anos o fundamentalismo do nacional-catolicismo, con Franco baixo palio; cuxo integrismo acernou identidades individuais e colectivas, machucou a diversidade e a pluralidade poñéndose no lado oposto da liberdade e a xustiza. Esas estruturas políticas, económicas e relixiosas seguen imbricadas na sociedade. Estruturas de poder que se vertebran na sociedade a través da escola, os hospitais, a xustiza, os medios de comunicación e un longo etcétera, para dar o seu referente moral. Vella e nova estratexia agora que se lles baleiran as Igrexas e caen en picado as súas estatísticas en novos adeptos e matrimonios eclesiásticos.

A filosofía como saber crítico non debe fomentar unha erudición inútil, por iso debe ter coidado do pensamento. A espiritualidade non é patrimonio da relixión: está nas artes, a ciencia, na obra de Marx...

Deberiamos intentar achegarnos a unha sociedade laica, cunha moral laica. Unha moral  que se fundamente unicamente nas propias facultades humanas, como a razón, a lóxica ou a intuición moral. Unha moral non transcendente, onde os seus principios non se acaten porque son froito da revelación ou dun guía sobrenatural.

A "laicización" da sociedade non ten porque desembocar na perda de valores. A moral laica é a que debe manter vixentes os valores do republicanismo: a liberdade, a igualdade e a xustiza.

Se ten que haber algún imperio debe ser o imperio da lei. É o ideal republicano o que restitúe a horizontalidade na sociedade. Son libre, escollo a lei; teño a posibilidade de obedecer a lei que me dou a min mesma.

Non chega con prostrarse   ante o Altísimo para pedir perdón. Como dixo Atahualpa Yupanqui: "Non só queremos ser iguais no ceo senón tamén na terra".

MARÍA ISABEL SÁNCHEZ CORRAL

Comentarios