Beatriz Dourado: "Sempre fun bastante urbana, pero o rural está tomando maior importancia na miña vida"

A poeta Beatriz Dourado vén de gañar o certame Vilariñas con dous micropoemarios: un sobre a muller no rural e outro sobre "o amor que cura e repara", ambos marcados por un feminismo que nace "da experiencia". 

Beatriz Dourado. C.P.R
photo_camera Beatriz Dourado. C.P.R

"Escribo e devoro libros dende moi pequena". É a frase de presentación da poeta barcelonesa e lucense, por igual, Beatriz Dourado, que vén de gañar o certame Vilariñas 2018 de Guitiriz, organizado por Nova Poesía Guitirica. 

Agardaba este galardón? 
Non. Algunhas das vilariñas publicadas son dunha calidade extraordinaria. Foi unha honra que recoñeceran os meus versos dentro da gran colleita do certame.

Gañou con dous micropoemas, que buscaba transmitir con eles? 
Son moi diferentes entre si. Primeiro presentei 360º, que parte do ámbito privado da muller no rural. Era unha idea que levaba un tempo bulindo na miña cabeza. Interésame moito todo o que comunicamos sen necesidade de emitir palabras. Estamos continuamente comunicando, aínda que non sexamos conscientes. Con Declaración quixen reivindicar o amor que cura e repara. Amar precisa dun proceso de aprendizaxe e empatía constante. Aféctame todo o que a ti che afecte e viceversa. 

Os versos de 360º transportan a unha cociña de aldea e evocan ese ambiente. Criouse no rural? 
Non. Sempre fun bastante urbana pero, cada vez máis, o rural adquire especial importancia na miña vida e na escrita. Nalgún momento cómpre situármonos na nosa orixe para saber cara a onde navegar. Vivir de costas a iso é un autoengano.

Axuda á hora de escribir incorporar imaxes que acompañen o texto?
Con 360º a idea estaba aí e quedaba darlle forma, a fotografía foi posterior ao texto. As mans da muller, a destreza collendo o coitelo... Todo nos di algo. E o xiro é como a metáfora coa vida, a maneira de integrar os pensamentos coa rutina diaria do traballo e dos coidados domésticos. E con Declaración quería xogar cunha imaxe que evocara o sensorial. Matinei coa idea da ferida, da fenda, dos sucos... E xurdiron eses versos. O proceso non sempre é o mesmo. Procuro tirar do fío dun pensamento que se manifesta, ás veces a través dunha imaxe, e outras, por medio da memoria.

É moi gratificante ler a autoras que abordan temas, até non hai moito, silenciados. Non obstante, aínda existen teitos de cristal

Está mudando o xeito de facer poesía?
Hai un movemento, até onde eu sei, de dinamizar a poesía, de achegala a un público cada vez máis heteroxéneo. Tamén sei de poetas que optan por manterse nun espazo íntimo e todo é compatible e enriquecedor.

Di que o feminismo está moi presente na súa escrita. Segue quedando xente que non comprende o significado do concepto?
Non é algo que faga con certa intencionalidade. O que acontece é que escribo a partir da experiencia e da observación e negar que o machismo está presente en todo o que nos rodea é unha absoluta falacia. Segue habendo moita xente que non quere nin ouvir falar do feminismo porque non está disposta a repensar os seus privilexios. O sistema patriarcal nútrese da desigualdade que orixina.

En que punto está agora mesmo a muller na literatura e na cultura?
Celebro o auxe de escritoras no panorama literario, xa que durante moito tempo só asistimos a unha perspectiva androcéntrica. É moi gratificante ler a autoras que abordan temas, até non hai moito, silenciados ou que nos presentan personaxes femininas que a historia engulira. Non obstante, creo que aínda existen teitos de cristal e debemos seguir nesa loita por participar, como metade da poboación que somos, naquilo que nos foi negado.

Publica xunto con máis autores na revista Xistral. Hai competencia entre os escritores?
Colaboro desde hai uns anos na revista Xistral, creada por Manuel María. Na actualidade, está coordinada por Toño Núñez, amigo e poeta. É magnífico que en Lugo contemos con esta revista, que dalgún xeito é un símbolo de identidade das nosas letras. Neste espazo non creo que haxa competencia. Imaxino que pode habela, quizais, noutras escalas.

Se non quero atopar baleira a neveira, coido que terei que seguir tendo nómina de mestra; porén, non quero nin podo renunciar a escribir

Noutra faceta, estudou Maxisterio, pero non exerce como mestra. Cambiaron os seus obxectivos?
Adoro ser mestra e síntome mestra. Procuro nutrirme das experiencias e oportunidades que se me presentan para revertelas na miña praxe e, na medida do posible, axudar e colaborar con outros colegas de profesión.

Adícase a ser asesora en formación do profesorado. É máis fácil formar a nenos ou a adultos?
A aprendizaxe na infancia é maxia. Non é un espazo hermético, non hai prexuízos e isto permite unha maior flexibilidade e adaptación. A formación de persoas que forman a estas crianzas é indispensable, pero precisa dun esforzo engadido, moitas veces, para revisármonos dende dentro dende a experiencia. Con todo, é moi loable o labor que realizan moitos docentes na actualidade. 

Que proxectos hai no horizonte? Vese máis como mestra ou escritora?
Eu preciso da utopía para camiñar, como dicía Galeano. No horizonte hai algún proxecto que, polo momento, é semente e ilusión. E se non quero atopar baleira a neveira, coido que terei que seguir tendo nómina de mestra. Ademais, é unha profesión apaixonante; habendo días bos e menos bos, como en todo. Porén non quero nin podo renunciar a escribir.

Mellor escribir poemas longos, curtos ou narrativa? E para ler?
Escribir. Ler e reler o que nos pida o corpo e o momento.

Escribir en solitario ou en obras colectivas?
Sen desmerecer as obras colectivas, en solitario.

Ten amigos escritores chairegos, cal é o seu favorito?
Martiño Maseda.

Algún haiku ou vilariña de referencia?
Recomendo adentrarse nos Eidos de Novoneyra.

Se tivera que escoller unha obra?
O Principiño.

Naceu en Barcelona pero criouse en Lugo. É galega ou catalá?
A pregunta do millón (ri). Galaicocatalá. Bipolar. A miña xenealoxía é galega. Isto está máis presente ca nunca en min. Sinto un compromiso con esta terra, a súa lingua e a súa cultura. Ámoa. Agora ben, o paraíso da infancia, os soños, o lugar onde volver é Catalunya. Se me falla este binomio, fállame o GPS e estou perdida. Que complicada son! (ri).

Comentarios