Un barrio rural no VIII Invernada de Cine: O Empalme

A casa escola da parroquia de Cabreiros acolle o sábado, ás 18.30 horas, no marco da VIII Invernada de Cine, a estrea dun documental que recolle o xeito de vida desta aldea xermadesa, narrado polo seus veciños, ao longo de máis de medio século
Unha das recreacións para o documental. FOLGUEIRA
photo_camera Unha das recreacións para o documental. FOLGUEIRA

UNHA DUCIA de casas e un milleiro de lembranzas. Relatos de vida duns protagonistas moi concretos, os veciños do barrio do Empalme da parroquia xermadesa de Cabreiros, que repasan a realidade que os rodea, a súa microhistoria, pero que á súa vez encaixa nun contexto macro. Podería ser a de outras moitas aldeas do rural galego.

"Somos un grupo moi reducido de casas, de xente que vive alí, pero temos toda unha historia detrás que nos apetecía contar, deixala recollida para que as xeracións vindeiras teñan coñecemento dela", explica Suso Rodríguez, profesor na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago e impulsor dun documental que recolle máis de medio século de historia do seu barrio natal, O Empalme. Este é o último lugar da parroquia de Cabreiros, lindando coa de Roupar, e érguese a carón da estrada que une Vilalba con As Pontes, ao pé da encrucillada que leva a Muras e a Viveiro, por un lado, e a Xermade, por outro.

"É un documental moi emotivo para min, dende o punto de vista persoal e pedagóxico", recoñece quen hai dous anos comezaba un proxecto para "saber sobre o máis próximo, o meu barrio, o noso barrio", rodeándose de amigos que lle axudaron a sacalo adiante. Non faltan Manuela Vilaboy, colaboradora habitual das Xornadas Interxeracionais de Cabreiros e encargada de entrevistar aos protagonistas do documental, ou Xosé Manuel Felpeto, presidente da entidade veciñal que impulsa ditas xornadas e tamén guionista e voz en off do audiovisual. E non falta a música, co tema Tres segundos, cedido pola Banda da Loba.

Cándido Díaz, vello coñecido dos veciños logo de responsabilizarse da recollida de fotos para a Memoria Fotográfica de Santa Mariña de Cabreiros, coordinou un traballo que se encargou de gravar Ángel Solla, coa inestimable axuda de Rubén Franco aos mandos do dron que permitiu realizar tomas aéreas do lugar. Comezaron a gravar en agosto do ano pasado, durante meses foron recollendo declaracións ou facendo escenificacións para contar a historia do Empalme, unha planificación que tamén se viu alterada pola chegada do coronavirus.

O resultado deste longo e ilusionante traballo estrearase este sábado, día 24 , ás 18.30 horas na casa escola de Cabreiros, na que será a xornada inaugural da VIII Invernada de Cine. O Empalme. Unha historia rural colectiva está feito por e para os veciños, unha "homenaxe" aos que "fixeron posible a vida no barrio" e especialmente, ás mulleres labregas como dinamizadoras do rural.

"Hai varias familias nas que a figura feminina tivo moito protagonismo", salienta Suso, recordando que eran elas as que se encargaban da casa, as que coidaban os fillos e as que desenvolvían numerosos traballos agrícolas.

Casa, campo e familia son tamén os piares sobre os que se sustenta o documental, que recolle os testemuños dos veciños, das novas xeracións que seguen apegadas ao seu barrio e tamén dos maiores que o perpetuaron: "Temos o privilexio de contar con persoas maiores que recordan outro tempos", di Suso sobre a memoria viva do lugar, testemuñas directas dunha época, duns costumes que quedaron atrás e que, «se non se recollen, acaban desaparecendo".

Falan das tarefas colectivas, dos traballos agrícolas, da economía familiar e veciñal, das festas, da escola, da relación co contorno... de todas aquelas cousas do cotián que conforman a vida nunha aldea e que marcan a quen as sentiu en primeira persoa, aínda que a vida o leve a emigrar, a residir noutro lugar.

"Falamos con veciños que xa non viven alí, pero que teñen alí a súa raíz e que contan o que lles supuxo aprender a vivir alí, no rural, no Empalme", conta Suso, un deses que vai e vén, pero que ten as súas raíces ben asentadas no barrio que o criou e sobre o que, ante todo, quere transmitir unha mensaxe de optimismo, porque a supervivencia futura do Empalme, do rural, é posible.

VIII Invernada de Cine de Cabreiros

Arqueoloxía O documental O latexo do tempo humano parte dun estudo das pezas de madeira carbonizada do Castro de Castromaior. 7 de novembro. 18.30 horas .

O que arde Proxección do aclamado filme de Oliver Laxe. 21 de novembro. 18.30 horas.

A Moura Documental etnográfico onde se aborda este mito galego. 5 de decembro. 18.30 horas.

Mamá Cabra O grupo ofrecerá o espectáculo musical A fraga do meu avó, pensado para toda a familia. 19 de decembro. 18.30 horas.

Comentarios