A banda Os d'Abaixo presentou en Lugo a súa investigación sobre as aves

O grupo, formado por exmúsicos de Berrogüetto e Fía na Roca, deu un concerto con temas do álbum 'Quixera ser dos paxaros'

Os d'Abaixo interpretan un tema do seu último disco na Capela de Santa María. J.VÁZQUEZ
photo_camera Os d'Abaixo interpretan un tema do seu último disco na Capela de Santa María. J.VÁZQUEZ

LUGO. A banda folk Os d"Abaixo presentou en Lugo Quixera ser dos paxaros o seu segundo disco, composto por temas provintes dun traballo de investigación ao que tamén se dedica habitualmente a banda. Trátase dun álbum máis intimista que o anterior, onde «o compoñente estético ten moito peso, tanto na selección de letras como no deseño gráfico e a fotografía», segundo indicaron fontes da banda.

A agrupación —formada por músicos de dous dos grandes referentes da música en Galicia: Berrogüetto e Fía na Roca—, deu o seu concerto na Capela de Santa María dentro do programa MúsicaAD.

Os d"Abaixo reuníronse no ano 2010 co obxectivo de promover e animar bailes e festas tradicionais na contorna de Compostela. O seu repertorio recolle algunhas das pezas populares máis coñecidas da música galega xunto con novas achegas de fontes tradicionais e outras que son de nova composición.

A súa pretensión é «ofrecer unha escolma de música cargada de forza e enerxía que leve ao baile e á foliada a ser bailadas e celebradas ao xeito de antes. Son un gupo no que se atopa xente que toca por afección e leva toda a vida vencellada ao folclore galego, xunto a músicos profesionais de gran traxectoria en bandas como Berrogüetto ou Fía na Roca.

Os d"Abaixo teñen tocado ennumerosas festas e festivais de Galicia; pero tamén fóra dela, en lugares como o Festival de Músicas do Mundo, da navarra Etxarri Aranaz; o Festival Le Grand Bal de l"Europe, de Gennetines (Francia); o Festival Intercéltico de Lorient (Bretaña), e o Calan Mai, festa da primavera celta de Gales.

En 2014 edítase o primeiro disco do grupo Ao vivo en Lorient, que recolle 16 pezas gravadas nos concertos feitos en 2013.

Comentarios