Os avós súan a gota gorda en Rábade

Unha carreira só apta para eles e os seus netos, a primeira edición dunha carreira chea de riscos

Participantes da carreira de avós e netos en Rábade. SEBAS SENANDE
photo_camera Participantes da carreira de avós e netos en Rábade. SEBAS SENANDE

Que teñen en común a Sereíña, unha cuadriga romana, o Rei da Chaira, un globo aerostático e un carriño de xeados? Pois que eran algúns dos participantes do Subidón dos Avós, unha carreira na que os avós debían levar os netos en calquera carro sen motor e que tivo lugar onte na Rúa Gabriela Nieto Chaín de Rábade.

A de este sábado foi a primeira edición que celebraban. O alcalde, Francisco Fernández Montes, comentou: "Era unha idea que levaba bastante rondándonos pola cabeza, o xeito de facer visible a relación dos netos e avós, que creo que é algo marabilloso porque non hai cousa máis bonita que oírlle falar a un avó do seu neto".

A carreira tiña que comezar ás seis da tarde. Os participantes agolpábanse na saída, inquedos por que desen o pistoletazo para botarse a correr. Algúns engalanáronse a si mesmos, os netos e os carros. Outros preferiron ir ao práctico, ben sinxeliños, para que nada interferise nos seus pasos. O avó disfrazado co seu neto de Reis da Chaira comentaba que non sabía cal era o premio, pero que participaba para estar todos xuntos e pasalo ben.

s gañadores da carreira foron Óscar Fernández e a súa neta Ariadna Fernández

A hora de saír non daba chegado para algúns. O avó da Sereíña -cun carro que botaba pompas de xabón-, impaciente, decidiu colocalos a todos na liña de saída e facer unha conta atrás, trala que se botou a correr, seguido do resto de participantes desconcertados. Na metade da carreira, un policía local tivo que frear esta saída ilegal e pedir que volvesen ao comezo da rúa. O equipo Sereíña, que ía en cabeza, volvía rosmando que todo era un tongo.

O garda local colocounos de novo e, desta si, comezou a carreira. Os primeiros metros aínda estaban rifados, pero a calor que ía en Rábade, a idade e o peso extra non lles deron tregua aos participantes. Á metade do camiño só o avó que ía en cabeza continuaba correndo. O resto resignouse a seguir turrando dos carros andando.

Na meta, un grupo de espectadores recibiunos entre aplausos. E non era para menos, pois o esforzo non foi pouco.

Pola megafonía montada ao lado da meta anunciaban que o xurado debía debatir cales eran os gañadores. Mentres agardaban, o avó da Sereíña non cesou na súa teima de que todo fóra un tongo.

GAÑADORES. Despois duns dez minutos de deliberación, procedeuse á entrega de premios. Os gañadores da carreira foron Óscar Fernández e a súa neta Ariadna Fernández, que atinaron en non levar ningún difraz ou complemento que limitara os seus movementos. O segundo premio, ao vehículo mellor decorado, foi para o neto Daniel Caldeiro e o avó Ángel Gómez, vestidos os dous do Rei da Chaira, cunha carretilla engalanada con produtos da súa propia horta.

Aínda así, houbo agasallos para todos os participantes. Agasallos ben merecidos, porque non houbo un asistente que non sorrise ante este fermoso, novidoso e divertido espectáculo.

Comentarios