Ave

Nunha peza de humor gráfico de Rufus un home dille a outro: ''Vexo luz ó final do túnel''. Este contéstalle: ''será un tren que vén de fronte''. No xogo da polisemia cabe o soño ou o pesadelo.

Pode ser esa luz o ansiado AVE que non dá chegado, a utopía dun transporte público áxil e sustentable que agora se reduce a sucesivas demoras enredadas en obras e viadutos inacabados.

Namentres, o tren de proximidade adormece en apeadoiros desertos. É importante poder viaxar a Madrid nunhas horas pero tan ou máis urxente son horarios axeitados para os traballadores que queiran desprazarse en transporte público polas cidades galegas e renunciar ao uso dos coches particulares.

Tamén, abaratar o custe dos billetes (p.e. Ourense-Santiago no talgo: 18,20 euros) e reducir o tempo do traxecto (p.e. Santiago-Lugo: dúas horas) para que as comunicacións públicas sexan unha alternativa real de transporte e non un xesto de condescendencia cara a turistas, estudantes, xubilados, inmigrantes e carentes de carné.

Claro que a peza de Rufus tamén podería referirse ao lonxe que fica a luz ao final deste túnel negro dunha crise con máis de catro millóns de parados. E, aquí, como no tren, tampouco hai respostas cribles. E así seguimos: Ave que Ave, Ere que Ere.

Comentarios