As atraccións dos Remedios sacarán o son para o desfrute de nenos autistas

A medida, que se prolongará durante hora e media de este sábado, busca unhas festas inclusivas
Celebración do día da patroa, o pasado ano. IRIA L.V.
photo_camera Celebración do día da patroa, o pasado ano. IRIA L.V.

As atraccións infantís que se montarán na Alameda mindoniense durante as festas patronais dos Remedios apagarán a súa estridente música de sete e media a nove da noite de este sábado para que os nenos con autismo así como con outros transtornos sensoriais poidan desfrutar de montar nos diversos xogos. Unha medida que leva a cabo a comisión de festas seguindo o exemplo doutras grandes citas, que comezou na Feira da Abril de Sevilla, coa fin de apostar por unhas festas inclusivas, segundo recordan dende a organización, que lembra ademais que o recinto está moi preto da residencia para adultos con discapacidade intelectual.

A asociación cultural Virxe dos Remedios, integrada por seis persoas de diversas idades —o máis novo ten 19 anos— e dous concelleiros do goberno popular apostan por unha programación pensada para todas as idades, coa que buscan manter o esplendor destes festexos "que sempre foron, coas San Lucas, as festas principais da nosa cidade, aínda que sexan as máis humildes", din. A comisión conta cun orzamento duns 17.000 euros, grazas á colaboración dos veciños, que agradecen, pois "sen a súa axuda non sería posible".

O luns, festivo local, haberá misa cantada polo coro mindoniense, xogos infantís e sesión vermú e verbena con Trébol

Os festexos arrancan ás sete desta tarde cunha sesión pirotécnica e inclúen, ás nove, un concerto da banda de música Pascual Veiga tralo que seguirá ás once unha sesión de DJs patrocinada polo Xacobeo 2021.

Este sábado haberá unha actuación de maxia, ás seis e media na Alameda. Un evento pensado para toda a familia, que despois desfrutará xunta da verbena con Zafiro e Israel.

O domingo serán Galilea e Finisterre as que pechen unha xornada que dará comezo ao mediodía coa ofrenda á Virxe, este ano do Concello de Ribadeo. Unha actividade que contará coa animación musical da coral Mestre Pacheco, que cantará a misa, e a agrupación cultural Virxe do Carme, de Ferrol, que acompañará a subida das autoridades máis a procesión e ofrecerá un concerto. Tamén actuará, á tardiña, o grupo de jazz da escola de música.

O luns, festivo local, haberá misa cantada polo coro mindoniense, xogos infantís e sesión vermú e verbena con Trébol.

Feira de artesanía do folclore galego
Unha das novidades da edición deste ano é a posta en marcha dunha feira de artesanía con postos adicados en exclusividade ao folclore galego. "Roupa, complementos, abalorios, xoias, zocos e calzado tradicional ou palletas" son algunhas das cousas que se poderán atopar na ducia de postos que se ubicarán na Praza do Concello, recorda Teresa Lodos, de Gaita Escola, a entidade que promove esta iniciativa, que ten o dobre obxectivo de mercar e mostrar os oficios tradicionais e que traerá artesáns das catro provincias e, polo menos, un de Mondoñedo con traballos en lá.

Cantos de taberna
Gaita Escola é a asociación que promove tamén a xuntanza destas formacións dende hai nove anos coincidindo coas patronais e que nesta edición achega a dez grupos, varios mariñaos. Uns conxuntos que animarán a tarde de mañá polos bares da cidade e que cearán xuntos, tamén os artesáns, na Praza do Concello.

Comentarios