Atopan nunha parroquia de Baralla o segundo forno de cal da comarca

Mide 4 metros de diámetro e 2,5 de profundidade ► Tamén apareceron tumbas antropomorfas

Forno de cal descuberto en Covas (Baralla). EP
photo_camera Forno de cal descuberto en Covas (Baralla). EP

O colectivo Patrimonio dos Ancares vén de atopar na parroquia de Covas (Baralla) un antigo forno para facer cal. Trátase da segunda construción deste tipo que aparece na comarca nos últimos meses, pois en outubro documentouse outra en Vilar de Ousón (Becerreá).

O forno barallés ubícase preto da aldea de Sanamede e consta dunha estrutura circular de catro metros de diámetro, aberta pola parte superior e cunha profundidade de 2,5 metros. Conta tamén cunha abertura de 60 por 40 centímetros por onde se introducía a leña.

Segundo explica o historiador Xabier Moure, estas instalacións, que eran coñecidas como caleiros ou caleiras, non tiñan un teito permanente e habilitábase un de xeito temporal feito con lousas para manter a calor no interior. "Constaban dunha cámara de combustión, situada na parte inferior, e o forno, onde se colocaban as pedras calizas de procedencia local para extraer o cal".

A leña introducíase por unha abertura máis pequena, chamada boqueira, situada na base. Moure sinala que para calcinar a caliza a temperatura non podían baixar de 900 graos e "a cal obtida utilizábase como morteiro ou para encalar paredes, pero tamén para reducir a acidez das terras de cultivo". O historiador afirma que esta caleira aparece citada e en funcionamento nun documento do ano 1667, "polo que a súa antigüidade é maior", asegura.

SEPULTURAS SINGULARES. Nas inmediacións da contrución Patrimonio dos Ancares tamén atopou varias tumbas de factura antropomorfa feitas con laxes. "Estas sepulturas son escasísimas nos Ancares", comenta. Parte delas conservan a tapa e no interior "aínda se poden ver restos de ósos humanos".

Estas sepulturas teñen unha gran antigüidade. "Sobre dúas construíronse casas da aldea, habitada actualmente por unha persoa. Todo apunta a que boa parte do cemiterio se atopa debaixo das construccións da aldea", indica Moure, quen sinala que "como pouco, temos que situar estas tumbas na Baixa Idade Media".

Comentarios