Blog | A Semana do Revés

As pedras que pisamos

 A cidade reflexiona pouco sobre os chans que se elixen para peonalizar
Solo histórico na Praza de Conde Fontao, que xera queixas de accesibilidade e ruído. AEP
photo_camera Solo histórico na Praza de Conde Fontao, que xera queixas de accesibilidade e ruído. AEP

É probable que este ano comecen tres novas peonalizacións na cidade de Lugo. A de Quiroga Ballesteros xa está adxudicada, o proxecto da Ronda da Muralla na Mosqueira estase facendo co obxectivo de que a obra arranque en 2020 e a da Calzada da Ponte debe executarse con fondos da estratexia europea Dusi e o goberno local quere tela lista para o Xacobeo. Pois ben, a pesar de que Lugo presume de cidade peonil e aspira a que o seu casco histórico sexa Patrimonio da Humanidade, é probable que o pavimento que se elixa para cada un destes viais sexa o que os autores dos proxectos teñan a ben propoñer. porque non hai nada establecido sobre chans.

O pleno do Concello de Lugo aprobou no ano 2018, por iniciativa de Ace-EU, unha proposta para estudar os poucos pavimentos históricos que quedan na cidade de Lugo —hainos na Praza de Conde Fontao e na Rúa do Carme, por exemplo— e elaborar unha guía para novas peonalizacións e mellora das existentes, na que se establecese o tipo de solo en función das características urbanísticas e de uso da rúa. Porén este é un dos tantísimos acordos plenarios que se quedan en declaracións de intencións.

Cando está a punto de comezar a peonalización de Quiroga Ballesteros, en ámbitos profesionais xorden algunhas voces discordantes co deseño urbanístico e, sobre todo, co pavimento. Serán grandes pedras de 1x125 metros e 8 centímetros de grosor. O seu elevado peso (preto de 300 quilos) esixirá medios mecánicos para as colocar e hai quen cre que, se non quedan ben postas, será fácil que rachen se os vehículos pesados non pisan ben no centro.

O temor pode estar xustificado porque a realidade é que ao longo do casco histórico é frecuente ver pedras quebradas ou medio levantadas. Pola contra, segundo outros criterios técnicos, a partir de 8 centímetros o grosor empeza a estar ben sempre e cando as pedras se coloquen sobre unha soleira, que é o que adoita facerse nas peonalizacións contemporáneas.

O problema é que Quiroga Ballesteros non é unha rúa calquera porque a existencia da praza de abastos e do mercado, ademais dun supermercado e doutros negocios, fai que teña un elevado tráfico de furgonetas e de camións, non só de repartidores senón de vendedores que acoden con produtos ou de compradores que levan cantidades grandes, para restaurantes, colexios e outros centros.

O que parece evidente é que neste eido Lugo vai por detrás doutras cidades. O Consorcio de Santiago, órgano que coordina as accións dos Gobernos do Estado, da Xunta e do Concello para a conservación e a revitalización da cidade histórica, creou no ano 2007 ‘As pedras que pisas’, un programa para o mantemento dos pavimentos históricos de Compostela que nos primeiros tempos tivo ademais un compoñente de formación para o emprego. Incluíu unha escola de canteiros e o programa dispón de persoal especializado para o mantemento dos chans e conta cun presuposto fixo que ronda os 150.000 euros ao ano e as actuacións pénsanse máis.

Pavimentos rachados

A brigada de obras fai mantemento dos pavimentos de xeito continuo, aínda que non é a súa única ocupación e ata hai uns meses só tiña dous operarios. Unha das zonas onde máis rompen as pedras é a Praza Maior, polo pouco grosor e pola entrada de vehículos e ata de camións de orquestras. Por norma, ao casco histórico só poden acceder vehículos de menos de 3.500 quilos. Se o sobrepasan teñen que pedir permiso.

Coches en zonas peonís

Un dos retos de Lugo é controlar o acceso de vehículos ao casco histórico, para o que este ano prevé implantar un novo sistema. É un problema que teñen outras cidades. Santiago está preparando unha ordenanza con miras a reducir o tráfico no casco histórico. Hai diferentes xeitos de traballar. Na Praza Maior hai dous locais que reciben a mercadoría nun baixo de Clérigos e dende alí o persoal lévaa en carros manuais.

Pago por partida dobre

O Concello pagou dúas veces polo deseño da peonalización de Quiroga Ballesteros. O primeiro proxecto (9.559 euros) fíxose en tempos de José López Orozco e coa chegada de Lara Méndez encargouse outro (18.150 euros) para incluír unha cuberta que finalmente non se fará. Xurdiu dun polémico concurso de ideas que gañou José Antonio Rodríguez Moscoso e no que colaborou o arquitecto Manuel Martínez.

Comentarios