Artesanía no sangue

Javier Seivane é familia directa dos gaiteiros Seivane e dedicou parte da súa vida ao traballo coa madeira, aínda que lonxe do instrumento que lle deu a fama aos seus parentes

Javier Seivane coas súas creacións. S.IGLESIA
photo_camera Javier Seivane coas súas creacións. S.IGLESIA

É o seu divertimento, pasándoselle as horas sen preocuparse por contalas. Traballar a madeira para convertela en pequenas figuras é o pasatempo diario de Javier Seivane, veciño de Fonmiñá, na Pastoriza, e actual usuario da residencia de maiores de Bretoña.

Que se apelide así non é casual, pois o fundador da saga de gaiteiros Seivane, Xosé Manuel, e o pai de Javier eran irmáns. A festa do seu anivesario foi de gran sona, ao vivir unha actuación de Susana Seivane e o seu pai Álvaro en directo. «Ata me regalou o seu novo CD. Teño que escoitalo aínda», recorda. Noelia Garrido, directora do centro, di que «sabiamos que ía vir alguén, pero con Susana non contabamos. Foi unha sorpresa para todos».

A festa de cumpreanos de Javier foi de gran sona, xa que contou cunha actuación de Susana Seivane e o seu pai Álvaro

Pese á proximidade familiar preferiu manterse afastado das gaitas debido á enfermidade que padece dende neno, a cal lle impide practicar este instrumento. E é que «para facer unha gaita, primeiro hai que saber tocala», responde con contundencia.

Porén, a súa especialidade son os carros e, coma se dunha gran factoría se tratara, elabóraos en cadea. «Un día fago rodas. Outro, os xugos, os arados, as grades... Despois, só me queda montalos e agardar a que seque o verniz», explica detalladamente este artista ao tempo que ensina as pezas xa rematadas. É neses intres de espera cando tamén se dedica a «xogar á escoba cos compañeiros.

Debido á enfermidade que padece, nunca puido tocar a gaita, algo que considera imprescindible se se quere elaborar unha

Ás veces, incluso nos axuda a nós coas actividades de recortar e colorear», comenta Garrido, a primeira en mostrarse satisfeita co espazo que agora ocupa Javier. Na sala de actividades é onde ten o seu taller con todo o necesario: os anacos de madeira de castiñeiro e piñeiro,o taladro ou os revocadores, que el mesmo fabrica. Á súa casa de Fonmiñá volve con frecuencia para ataviarse con todo o material. «Ata trouxen unha funda, pero non me mancho tanto como para utilizala», ri cando o conta este home de 69 anos con vitalidade de 20.

Para conservarse así, recomenda facer manualidades. «Eu, polo menos, estou mellor aquí que vendo a tele», engade. E vaia se debe ser así, «que dende que almorza ata o xantar aquí está e pola tarde, logo da sesta, outra vez. Hai que recordarlle que é a hora de ir comer!».

Comentarios