Alcalde da Fonsagrada (PSOE)

Argelio Fernández: "O Concello teno todo para abrir a residencia"

Leva vinculado ao goberno local desde o ano 2003, cando se fixo cargo da concellería de obras. Quince anos despois afronta o seu terceiro mandato como rexedor, o segundo con maioría absoluta

Argelio Fernández Queipo. AEP
photo_camera Argelio Fernández Queipo. AEP

Aínda que chegou á alcaldía da Fonsagrada de forma accidental —nas eleccións de 2007 ía no posto dous da lista do PSOE e foi nomeado rexedor trala dimisión do candidato Ricardo Parada Mariña—, Argelio Fernández conseguiu enlazar nos dous seguintes comicios municipais senllas maiorías absolutas. Para a próxima cita electoral confirma que se presentará á reelección e non oculta a súa ambición por seguir contando co apoio dos veciños, "porque os proxectos non empezan nin acaban cos catro anos, senón que forman parte dun proceso que necesita continuidade".

Dentro dese proxecto que ten para A Fonsagrada, cal é para vostede o principal logro deste mandato?
Conseguimos marcar as bases do que será o desenvolvemento da Fonsagrada no futuro. Isto foi posible grazas á aprobación provisional do PXOM, que foi froito do traballo pormenorizado e o consenso de toda a corporación municipal, a pesar de que o BNG se desmarcou do documento no último momento.

Que suporá este plan xeral para o futuro da Fonsagrada?
Entre outras moitas cousas, permitirá o desenvolvemento do polígono industrial, que sen dúbida é unha das principais demandas dos veciños na actualidade.

Aínda que a obra da residencia de maiores xa está acabada, o actual conflito que existe entre o goberno provincial, do que vostede é vicepresidente, e Suplusa, con Manuel Martínez á fronte, dificulta a súa apertura.
Dotar A Fonsagrada dun centro de maiores é un vello anhelo deste municipio, incluso mesmo antes de que eu tivese responsabilidades como alcalde. Agora estamos a piques de lograr este obxectivo, a pesar das continuas cambadelas que sufrimos. Xa estamos na recta final e nos próximos días aprobaremos nun pleno extraordinario o regulamento de funcionamento desta instalación, polo que xa só quedará que a Xunta axilice a concesión do permiso de apertura. O Concello teno todo para poder abrir a residencia antes de que remate o actual mandato, a Deputación tamén ten este compromiso e, sinceramente, espero que ningunha outra institución pretenda entorpecer o proceso.

A oposición acúsao de non asistir ao acto de entrega de chaves.
O goberno provincial pediu reiteradamente as chaves da residencia a Suplusa, pero non se puido contactar con eles porque as oficinas as tiñan pechadas. Logo, o seu presidente organizou, unilateralmente, un acto co PP para simular a entrega das chaves e, curiosamente, non convocou a ningún representante da Deputación, que é o organismo propietario da instalación e quen posteriormente decidiu cambiar a fechadura pola negativa de Suplusa a entregar a obra. O Concello non tiña que recoller ningunha chave, porque a instalación é da Deputación.

A oposición tamén lle reprocha que desde que ten responsabilidades no goberno provincial dedica menos tempo ao Concello.
Agora teño unha maior carga de traballo pero que en nada afecta ao normal funcionamento do Concello. A administración local continúa funcionando con absoluta normalidade e o equipo de goberno reforzouse ao ter agora o tenente de alcalde unha media dedicación. Todas as mañás realizamos unha reunión para abordar os problemas do día e, aínda que ás veces alguén poida botar de menos unha maior presenza física, tanto o meu teléfono como todo o meu equipo están sempre ao servizo dos veciños, polo que nunca se poderán sentir desatendidos.

Cre que o conflito interno que viviu o PSOE no seo do goberno da Deputación pódelle prexudicar no seu intento de saír novamente reelixido?
As circunstancias que se viviron no seo do grupo provincial socialista desde as últimas eleccións non eran desexables para ningún de nós, mesmo creo que nin para o propio Manuel Martínez. A pesar diso, o goberno da Deputación conseguiu grandes logros para a provincia, como o plan único. No caso concreto da Fonsagrada, creo que os veciños valorarán unicamente o traballo que levamos a cabo no Concello, independentemente das circunstancias que condicionaron o goberno doutras institucións.
 

MOI PERSOAL: "En política moléstanme a deslealdade e as cambadelas"
Que lle gusta facer no seu tempo libre?
Coas responsabilidades que teño agora na Deputación cada vez teño menos tempo para o meu, pero é por todos coñecida a miña afección pola caza. Creo que esta actividade pode ser, ademais, un importante motor económico e de aí a aposta que fixemos por dotar o municipio dunha sala de despece, que facilitará a comercialización deste tipo de carne.
Que é o que máis lle gusta da política?
O que máis gratifica é conseguir todo aquilo que fai que a vida dos veciños resulte máis fácil e solucionar moitos dos problemas que nos expoñen no seu día a día.
E o que máis lle desgusta?
Desgústanme a deslealdade e as cambadelas entre institucións. Os políticos ou somos útiles para os veciños ou pola contra debemos irnos para as nosas casas.
O despoboamento do rural é un feito. Que se pode facer desde un Concello como o da Fonsagrada para combatilo?
A Fonsagrada pertence á Asociación Española de Municipios de Montaña (Esmontaña), que ten como un dos seus obxectivos fundacionais a loita contra o despoboamento. O noso papel pasa por conseguir traer proxectos que atraian poboación e loitar por manter servizos básicos para os veciños. Pero creo que é importante que institucións de maior nivel empecen a reflexionar de inmediato sobre o futuro do rural e comecen a tomar medidas para facer que este modo de vida volva resultar atractivo para os mozos.
 

Comentarios