"EE.UU. é máis competitivo porque ten 27 institutos volcados só na investigación"

"No 2020 poderemos ter un tratamento para o cancro causado polos mastocitos"

Esta investigadora do National Institutes of Health obtivo unha bolsa posdoutoral para o centro de referencia sobre estudos de saúde nos Estados Unidos, do que di que sería equiparable ao Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) español, e traballa sobre os mastocitos, unhas células que no caso de proliferación descontrolada poden derivar nun cancro que afecte de xeito incluso mortal
Araceli Tobío
photo_camera Araceli Tobío

Araceli Tobío rematou os seus estudos de doutoramento na facultade de Veterinaria do campus de Lugo en novembro de 2013. Despois dunha estadía de preto de dous anos no prestixioso centro francés Institut National de la Santé et la Recherche Médicale (Inserm), dende novembro de 2015 desenvolve a súa investigación no National Institutes of Health (NIH), o complexo de sanidade de referencia nos Estados Unidos, con sede en Washington, grazas a unha bolsa posdoutoral á que se postulou.

En que consiste o proxecto de investigación no que está a participar?
Estamos a traballar na identificación de fármacos que sexan efectivos contra a mastocitose, que é un cancro considerado raro que afecta a unha de cada 10.000 persoas e que na actualidade non ten ningún tratamento que sexa eficaz para os casos máis agresivos desta enfermidade. Esta doenza prodúcese pola proliferación descontrolada destas células que maduran sobre todo na medula ósea e no sangue periférico e que se estenden a un ou varios órganos do corpo, como o intestino, o fígado ou o bazo. A mastocitose pode adoptar diversas formas clínicas, dende as que non comprometen a vida dos pacientes ata as que si a poñen en risco. De feito, a mastocitose tamén pode ser mortal se se complica con outras patoloxías e, aínda que non provoque o falecemento dos afectados, si fai diminuír a súa calidade de vida con episodios de vómitos, diarrea ou mareos, entre outras situacións que se poden derivar dela.


"Xa temos traballado con ratos 'in vivo' e con humanos 'in vitro', polo que o próximo paso será o de persoas 'in vivo"


Que síntomas poden indicar un caso de mastocitose?
Nos pacientes pediátricos apréciase mediante lesións na pel debido á acumulación de mastocitos que se reflicten con picores, febre ou arroibamentos. No caso dos adultos é máis complexo porque a doenza non adopta esta forma cutánea e pode ser de tres tipos: indolente, agresiva (que pode derivar nun fallo multiorgánico) e o mastocitoma, que é unha variante bastante infrecuente que se correspondería cunha especie de tumor solitario.

Cal é o tipo de fármacos cos que están a traballar no estudo do seu equipo?
Trátase de dous inhibidores para unhas proteínas, as sphingosine kinase, que se atopan sobreexpostas nos pacientes con esta doenza. O que descubrimos foi que este tratamento reduce o crecemento dos mastocitos tumorais, tanto in vivo, traballando con ratos, como in vitro, con mostras tanto dunha paciente que faleceu e que se conxelaron en nitróxeno líquido como con pacientes do centro e voluntarios. Cómpre ter en conta que na actualidade para este tipo de cancros só está autorizado un medicamento que non é efectivo porque os mastocitos son resistentes a el. Pola contra, un dos dous inhibidores xa está no mercado porque foi aprobado para o cancro de próstata e para a leucemia, pero a nosa novidade consiste en aplicalo ás mastocitoses. Estes resultados xa os presentamos nun Congreso da Asociación Americana de Inmunólogos.

Tras este traballo, cal vai ser a seguinte etapa?
Antes de que se poida aplicar á poboación humana en xeral, que pensamos que se poderá facer arredor do 2020, hai que seguir unha serie de trámites. O primeiro deles é o de ampliar os prazos nos que traballamos cos ratos, xa que polo momento o que fixemos é inocular o tratamento en días alternos aos roedores con este tumor. O seguinte paso sería ver a reacción nun período maior, dun par de meses, aplicando doses cada quince días, nun calendario similar ao que se empregaría con humanos. E loxicamente tamén hai que avanzar nas reaccións que tería na especie humana: para iso o NIH xa ten feito experimentos in vitro ao combinar a sección clínica coa de laboratorio e na primeira hai pacientes sans, que funcionan como banco de voluntarios, e outros que están enfermos. Coas dúas mostras distintas, extráese medula ósea e sangue periférica e compáranse os efectos dos fármacos nas dúas poboacións. Polo momento, a investigación con persoas só se está a realizar in vitro e habería que pasar ao traballo in vivo, para o que se deben tramitar as oportunas solicitudes de ensaio clínico e probar estes fármacos en seres humanos.

Como lle xurdiu esta oportunidade?
Presenteime a esta bolsa pola miña experiencia e traxectoria porque xa dende a miña etapa da tese estudei os mastocitos. Despois, no Inserm francés, tamén traballei con estas células, averiguando que un composto das toxinas mariñas ten efectos antitumorais. Unha vez rematado ese proxecto, foi cando vin esta opción de integrarme na sección de mastocitos e bioloxía do laboratorio de enfermidades alérxicas do NIH, onde son a única galega. O feito de poder traballar con eminencias mundiais da materia como Dean Metcalfe ou Ana Olivera era tamén un aliciente moi importante.

Que papel xogou a súa etapa académica no campus de Lugo?
O certo é que me proporcionou unha base moi sólida sobre a bioloxía dos mastocitos e sen a cal non podería estar hoxe no Nih. Ademais, tamén está o feito de ter podido publicar en varias revistas de recoñecemento internacional. De feito, divulguei seis artigos a partir da miña tese de doutoramento, titulada Estudo do papel modulador da proteína quinasa C e a aurora quinasa sobre as liñas celulares HMC-1560 e HMC-1560,816 e dirixida por Luis Botana e María Amparo Alfonso.

Comentarios