Apuntalada parte da fachada da Casa da Botica de Guitiriz por un derrubamento

Parte do muro que se derrubou. M.ROCA
photo_camera Parte do muro que se derrubou. M.ROCA
Parte da fachada da Casa da Botica de Guitiriz sufriu na mañá do domingo un derrubamento que obrigou a apuntalar a estructura e ampliar o perímetro de seguridade arredor do inmoble, que se atopa en obras desde fai uns meses.

A Deputación de Lugo mobilizou a primeira hora da mañá de onte a técnicos da institución provincial e á empresa adxudicataria das obras do centro de atención a maiores que se proxecta no edificio, co obxectivo de realizar os traballos necesarios para "apuntalar, reforzar e consolidar" unha parte da fachada despois de sufrir ese derrubamento parcial.

A caída do muro produciuse no alzado dereito da fachada principal e provocou que varios cascotes caeran ao calello que hai entre a Casa da Botica e o bar Flamingo, que xa se encontraba pechado ao tránsito desde que comezaron as obras da residencia.

Desde a institución provincial apuntan a que este suceso puido deberse "presumiblemente ao forte temporal de vento destes días, que puido facer efecto vela e empurrar a estrutura, provocando o seu desprendemento e derrubamento".

A Deputación solicitou onte informes de avaliación do acontecido ás direccións de obra e execución e á empresa encargada da construción da residencia para "determinar as causas que provocaron este derrubamento parcial e adoptar todas as medidas necesarias que permitan continuar os traballos con seguridade".

Comentarios