Antonio Fraguas, o neno de aldea que chegou a profesor

 A orixe labrega e o amor pola terra marcaron a vida e a obra do intelectual de Cotobade

Antonio Fraguas, en 1994. ARQUIVO
photo_camera Antonio Fraguas, en 1994. ARQUIVO

Antonio Fraguas Fraguas (Loureiro, Cotobade, 1905-Santiago de Compostela, 1999) foi etnógrafo, xeógrafo, historiador, galeguista e profesor. Gustáballe aprender para ensinar. Defensor da lingua e da cultura popular, de carácter humilde, traballou incansablemente por Galicia ata o último dos seus días.

Antonio FraguasNaceu nunha familia labrega que tiña plans de mudarse a Brasil para que o seu único fillo se convertese en maquinista e tivera un futuro mellor. Porén, a boa marcha nos estudos do alumno Fraguas cambiou os plans.

Tras dous anos estudando por libre, no curso 1920/21 asentouse en Pontevedra para acudir ó instituto e os seus resultados melloraron notablemente. Alí entrou en contacto con outros compañeiros que, como el, defendían o mundo rural e o galego e fundaron a Sociedade da Lingua (1923). Paralelamente, os seus mestres Castelao e Losada Diéguez, entre outros, impulsan o Seminario de Estudos Galegos (SEG), do que Fraguas formará parte anos despois ofrecendo a súa colaboración en diversas seccións, encargándose da biblioteca e ata facerse cargo da sección de Bibliografía. Tamén se integrou nas Irmandades da Fala.

Naceu nunha familia labrega que tiña plans de mudarse a Brasil para que o seu único fillo fose maquinista 

Fraguas estuda Filosofía e Letras en Santiago. En 1933 aproba as oposicións e o seu primeiro destino como catedrático de Xeografía e Historia é o Instituto Elemental da Estrada onde estivo ata que a guerra civil o apartou das aulas. Foi suspendido de emprego e soldo pola súa militancia política no Partido Galeguista, polo seu apoio ó Estatuto de Autonomía, e, para saír adiante, comezou a impartir clases privadas. Foron uns anos difíciles para Fraguas, que tivo que opositar novamente para voltar ás aulas de instituto e que tiña a sombra do réxime atrás del.

O Instituto Masculino de Lugo, actual Lucus Augusti, foi o destino no que recalou Fraguas logo de acadar novamente a cátedra de Xeografía e Historia. Alí, en 1950, o profesor "recuperou a liberdade, pois alí ninguén o coñecía, ninguén o sinalaba e alí deu comezo unha década reparadora para el en moitos aspectos, especialmente no profesional", describe Malores Villanueva na biografía do autor Antonio Fraguas. Mestre da Memoria.

Foi suspendido de emprego e soldo pola súa militancia política galeguista e o seu apoyo ó Estatuto

En 1951 recibe a chamada da Real Academia Galega para ocupar o lugar de Castelao e en 1959 volta a Compostela tras participar no concurso de traslados e conseguir praza no Instituto Feminino, actual Rosalía de Castro. Este centro será o seu último destino ata que, en 1975, accede á xubilación.

Antonio Fraguas foi nomeado director do Museo Municipal de Santiago (1963-1975) e participa no impulso e creación do Museo do Pobo Galego, do que foi director e presidente. Catro meses antes de falecer, Fraguas enviou a súa dimisión como presidente e foi nomeado director honorario. O Museo do Pobo Galego foi un dos proxectos dos que sentía máis orgullo e, de feito, o seu corpo foi velado no Auditorio desta institución.

Entre as distincións que recibíu están o Pedrón de Ouro, a Medalla Castelao, o Premio Trasalba, a Medalla ao Mérito Cidadán e Cultural do Concello de Santiago, o Premio de Investigación e o Premio das Letras e das Artes da Xunta de Galicia, cronista xeral de Galicia ou fillo predilecto de Cotobade.

Comentarios