Antonio Cendán: "Non é unha novela convencional nin deportiva, senón algo divertido, fácil de ler"

O xornalista e escritor vilalbés, natural de Sancovade, acaba de presentar na súa localidade natal o seu novo libro, Hai que roelo

ANTONIO CENDÁN (24) (1)
photo_camera Antonio Cendán, en Vilalba. EP

Vive a cabalo entre Vilalba e Santiago. Antonio Cendán, xornalista e escritor natural de Sancovade, acaba de presentar na capital da Terra Chá a súa primeira novela, Hai que roelo, que chega tras outras publicacións e un blog de crónica negraque non deixa de sumar seguidores.   

É a primeira novela, pero o cuarto libro, despois de ensaios sobre a prensa ou a televisión. Por que agora o cambio de xénero? 

A narrativa é moi distinta ao ensaio. Na novela decídome a recrear un tempo histórico pouco coñecido, pouco estudado, que vai do ano 1965 ao ano 1970. Eu nacín en 1968. 

Que outras datas ou efemérides destacaría desa época?

A guerra do Vietnam, o maio do 68, o caso Matesa en España en 1969, que foi un escándalo económico, ou o famoso marzo galego, que foi unha revolta estudiantil en Santiago da que pouco se coñece. Daquela os estudantes non eran moitos. 

Pero o libro preséntase baixo un fenómeno futbolístico, o Hai que roelo que lle dá título. 

Hai que roelo foi algo moi mítico e segue moi vivo. Calou moi fondo na xente, máis que o ‘Superdépor’. Aínda hoxe a xente recorda de ‘carrerilla’ a alineación, quedou moito no corazón da xente. Xorde un equipo de fútbol en Galicia e revoluciona o fútbol estatal, un equipo de provincia, que ninguén coñecía. E parangonei a evolución do Pontevedra Fútbol Club con Galicia. O fútbol é un pouco a excusa pero non o primordial na novela, que narra as andanzas de tres amigos, un avogado de Pontevedra, un xornalista pontevedrés e un xornalista chairego ao que non lle gusta o fútbol nin o deporte e vai cubrir partidos. 

Ten algo de autobiográfica? 

Pode haber algo, pero en condicional, porque sempre se pode xogar co realismo máxico. 

Que relación ten co Pontevedra? 

Bastante estreita. Na miña casa gustaba moito o fútbol e meu avó e meu pai ían velo. O libro está adicado a eles. 

Como foi xogar na casa? O libro xa o presentara en Pontevedra, pero impoñía máis facelo en Vilalba? 

Non, nese sentido o dos nervios para falar en público non me afectan e estaba tranquilo. 

Que expectativas ten coa novela? 

Procurei que fora algo divertida, máis que para sacar sorrisos para que o lector poida botar algunha gargallada, pero non sei se o conseguín. Gustaríame gañarme o cariño da xente e que non pensen que é unha novela convencional nin deportiva, senón algo divertido, fácil de ler. 

Que significa escribir? 

Para min é unha terapia. Teño TDH (Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade) e a literatura axudoume moitísimo a superar a enfermidade. 

Cales son as súas referencias? 

Camus ou Luis Martín Santos, gústanme moito tamén Camilo José Cela, Gabriel García Márquez e Álvaro Cunqueiro. 

É unha lista longa, cal é o libro que recomenda sempre, o que todo o mundo debería ler? 

O estranxeiro, de Camus. 

A súa novela está escrita en galego. E por decisión persoal ou por comodidade lingüística? 

Escribo indiferentemente en galego ou castelán, síntome máis cómodo na miña lingua materna. 

Esta primeira novela é a porta a outras? 

Espero que si, pero depende de que as editoriais aposten por ti ou de ter sorte nos premios. Non é moi fácil publicar. Pero hai máis traballo feito no disco duro do ordenador e espero publicar máis co tempo. 

Pese a ter publicados catro libros continúa a ser difícil encontrar un oco no mundo editorial actualmente? 

Segue sendo igual de complicado e, ás veces, entra o aburrimento de chamar a tantas portas. 

De todo o que hai no disco duro, cal sería un posible proxecto? 

Hai moitos, pero dende hai moito tempo teño as memorias do meu avó da Guerra Civil. Obligárono a ir á guerra no bando nacional. E sería un magnífico relato. 

Escribe un blog de sucesos, con historias atroces da crónica negra. Como xurdiu esta idea? 

Sempre me chamaron a atención algúns sucesos e tiven inquedanzas. En total hai publicados uns 67 artigos e máis de 50 son de sucesos, principalmente de toda Galicia e algún de fóra. 

Da comarca chairega, cal foi o que máis chamou a súa atención? 

O do Garabelo, en 1983 en Gomesende, entre Pol e Meira, un veciño matara a catro homes por cuestión dunha propiedade. E o autor escribiu un libro no que relatou todo. 

Un segue horrorizándose escoitando estas historias? 

Sempre hai algunha coa que sintes algo. Hai pouco pasoume con unha dun chaval que matou a un neno de dous anos en Cee. 

Pensou en pasar o blog a papel? Publicar un libro? 

Penseino varias veces, pero non sei. O blog funciona ben, teño moitas visitas. 

Comentarios