Antón Reixa: ''A falta de apoio á música galega compárase coa falta de apoio ao xornalismo en galego''

Antón Reixa (Vigo, 1957) fala do revival de Os Resentidos, que terá lugar este sábado en Expourense.

¿Cales son as sensacións con esta volta de Os Resentidos?
Como antes, os mesmos nervios cara ao escenario. Estaremos tres membros fundadores e mais unha banda máis nova, así que o único que prometemos ao público é que non imos soar peor que antes.

¿Como van os ensaios? ¿Encóntranse cómodos cos vellos temas ou hai algún que se resiste?
Houbo que traballar algún máis que outro. Había tempo que non tocabamos os tres xuntos, pero elaboramos unha boa selección dos temas máis coñecidos. Ademais contamos co apoio dos grupos Sonoro Maxín e Novedades Carminha, e mais contaremos coa compaña de amigos no escenario como Xurxo Souto, Os Diplomáticos de Montealto, Julián Hernández, Tonhito de Poi, Uxía, Xosé Manuel Budiño, Bieito Romero, Miguel Costas, Luis Tosar...

Finalmente Alberto Torrado (era o baixista do grupo vigués) non participará na homenaxe.
Alberto non se sumou á iniciativa porque non vive en Galicia e está con outras historias, pero si que virá a Ourense. É o líder espiritual do grupo.

Durante o show presentarán un novo vídeo de Galicia caníbal.
Si. Esta é unha sorpresa que temos preparada con fotos que nos mandaron de xente cunha
frase da canción. Xa están todas collidas.

¿Como senta que o rock galego se poña de acordo e edite un disco homenaxe a Os Resentidos?
É unha gran satisfacción. De feito este concerto é un agradecemento a esta iniciativa allea a nós e autoorganizada por eles. Claro que os novos grupos soan moi ben; e claro, as comparacións son odiosas.

Precisamente vostede fixo alusión a unhas oitenta ou cen bandas de rock en galego que non teñen o eco que deberían ter.
Daquela nós eramos o único grupo en galego. Agora hai moitas máis bandas e moito máis talento que entón, pero estes grupos non teñen a repercusión que deberían debido á falta de cobertura e apoio. É unha situación semellante ao do xornalismo en galego. Vós tamén sodes o único xornal que queda en galego e en papel.

¿Que público esperan o 12 de maio? Nostálxicos de Os Resentidos ou unha boa parte de mozos que vaian gozar da súa ‘primeira vez’ co seu grupo.
Supoño que haberá de todo, unha mestura de homes nos cincuenta nostálxicos e de mozos que se acheguen coa curiosidade de ver como eran os concertos de Os Resentidos. Pero iso non vai cambiar nada; imos dar un bo concerto veña quen veña, xa sexan mil ou cincuenta.

Vostede xa deixou claro que isto non é unha volta de Os Resentidos, pero... ¿haberá máis concertos despois do de Expourense?
Iso é algo que aínda non temos decidido; todo depende de como nos sintamos o sábado. Pode que haxa máis concertos en Galicia e algún fóra, ou pode que o de Ourense sexa un concerto único.

NOVO PRESIDENTE DA SGAE: "Non estou asustado, senón honrado"
“Non hai volta atrás. Aquí empeza a nova SGAE”, asegurou onte Antón Reixa tras ser elixido presidente da Sociedad General de Autores y Editores (SGAE) con 24 votos a favor dos 37 asistentes á primeira reunión da nova xunta directiva tras as pasadas eleccións.

Logo de catro horas de reunión, os novos integrantes desta xunta plural saída das eleccións decidiron pasar así páxina aos acontecementos do pasado verán, tras a detención de varios ex directivos, entre eles o ex presidente Eduardo Bautista. Acontecementos que Reixa cualificou de “truculentos” e tras os que, dixo, aspiran a ser unha entidade non presidencialista.

Foi unha longa reunión na que outros 11 membros da Xunta apoiaron o rival de Reixa, José Miguel Fernández Sastrón, da candidatura De Otro Modo (DOM). Outros dous votaron en branco. A Xunta directiva, segundo Reixa, “liquidou con certa cordialidade” as diferenzas.

O novo presidente desvelou algúns dos proxectos que ten na súa apertada axenda: o primeiro deles contactar hoxe co Ministerio de Educación para reclamar que exerza con eficacia o seu labor de tutela. A reforma dos estatutos da entidade para limitar o poder do presidente, revisar os orzamentos de 2012 e a posta en marcha dun plan de eficiencia son outros dos proxectos a curto prazo.

Sobre o seu soldo, adiantou que cobrará aproximadamente como o presidente da xunta anterior, entre 50.000 e 70.000 euros.

Tamén chanceou asegurando que nesta nova SGAE non haberá “morbo” e que aspira a ser máis discreta. “Hoxe, día do autor, os autores soberanamente asumimos o control da institución”, engadiu.

Ao final, recoñeceu “non estar asustado”, senón “honrado”.

Comentarios