'Antídoto', de Emma Pedreira, gaña o Certame Literario de Vilalba

É a única obra gañadora este ano cun premio que ascende a 7.000 euros

O libro da coruñesa Emma Pedreira titulado Antídoto resultou ser o gañador do primeiro premio do LII Certame Literario de Vilalba deste ano 2017, que organiza o Concello de Vilalba. Debido a un cambio de formato no galardón, esta é a única obra premiada aínda que o diñeiro que obtén é maior que o doutros anos, ascendendo a 7.000 euros.

O concelleiro de Cultura de Vilalba, José Antonio Pita, o director da Real Academia Española, Darío Villanueva, o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, o director do Grupo de Radio Principal, Fidel Fernán Vello, e o xornalista Xulio Xiz foron os membros do xurado que emitiron o veredicto.

EDICIÓN DE 2016. A Casa da Cultura de Vilalba acolleu este luns a presentación dos dous libros que resultaron vencedores o ano pasado. O primeiro premio foi entón para Xosé Otero Canto pola súa obra Telúrica -no vídeo aparece lendo o poema Terra Moura do libro-. María Xosé Lamas, con Sonetos Preposicionais acadou o segundo posto. Ambos libros xa están á venda tras ser imprimidos pola editorial Alvarellos.

Comentarios