Os anticapitalistas deixan Podemos Galicia para construír unha alternativa propia

Paula Quinteiro anuncia que abandonan os órganos internos do partido para formar "unha esquerda política e social independente do Goberno"
Paula Quinteiro. PEPE FERRÍN
photo_camera Paula Quinteiro. PEPE FERRÍN

Os anticapitalistas, organización á que pertence a deputada autonómica Paula Quinteiro, abandona Podemos Galicia para "traballar na construción dunha alternativa rupturista co Réxime do 78 que non se limite á xestión do mesmo".

A organización ata o de agora integrada no partido morado anuncia a súa decisión nun comunicado no que sinala que "é necesario construír unha esquerda política e social independente do Goberno que impulse a mobilización social".

Así, avanzou que "todos" os militantes anticapitalistas "deixan os órganos internos de Podemos Galicia e calquera responsabilidade a nivel nacional e municipal".

Ademais de apelar a "dar resposta ás demandas deste ciclo de mobilizacións sociais", consideran "imprescindible afrontar a crise territorial do Estado dando a palabra aos pobos co exercicio do dereito de autodeterminación sen restricións".

"Estamos seguras de que nos seguiremos atopando coa xente de Podemos en moitas frontes nos que se loitará contra o neoliberalismo e o patriarcado, a pé de rúa e de movemento", reza o comunicado dos anticapitalistas, organización á que pertence, ademais da deputada de Común da Esquerda Paula Quinteiro, o ata o de agora secretario de Podemos Vigo, Xaquín Pastoriza.

Comentarios