Aniversario dun texto que perdeu louzanía

O ATA agora segundo texto constitucional máis lonxevo, tras o de 1876, está de cumpreanos. A pesar da súa idade, mantén a vixencia, aínda que perdera louzanía, e quizais por iso cada vez máis voces reclaman unha rexeneración, ben un cambio radical por outro, ben unha cirurxía que o volva coma novo. Porque é normal que o tempo murche, e a sociedade requira algo máis vizoso. Nestes 36 anos producíronse dúas reformas, retoques que obrigaba Europa, polo Tratado de Maastricht primeiro e para limitar o gasto público despois, pero nada de corrixir eivas coma o papel do Senado, a desigualdade de xénero no acceso á Coroa, se de continuar coa monarquía se trata, ou a función das provincias coas súas deputacións neste Estado autonómico que argallamos. Sacralizando textos corremos o risco de convertelos en arqueolóxicos e polo tanto anellos, e o que precisamos é que sexan modernos e útiles.

Comentarios