Imprimir

Ana Prieto: "Na política non hai parte fea mentres haxa respecto"

El Progreso de Lugo | 08 de noviembre de 2019

Ana Prieto. VICTORIA RODRÍGUEZ
Ana Prieto. VICTORIA RODRÍGUEZ


▶Ana Prieto (Xinzo, 1965) saltou do mundo farmacéutico á política municipal hai catro anos e á nacional, este, despois dun polémico proceso de listas sobre o que navega con habilidade. Confía en que as urnas lle sexan propicias ao PSOE porque o compromiso do Goberno de Sánchez coa industria e as infraestruturas galegas "é máximo", asegura

Cando foi a última vez que estivo detrás do mostrador da farmacia? 
Antes de empezar co ciclo político [foi concelleira entre 2015 e 2019], porque é incompatible. 

Bota de menos a farmacia? 
A min a profesión gústame moito, sobre todo polo contacto cos pacientes no día a día. Nese sentido, a vida política é moi similar. Gústame moito que me paren pola rúa para expresarme inquietudes. 

Aínda que non sempre un escoite o que ere... Reprocháronlle moito a repetición electoral? 
É a nosa obriga estar sempre permeables e abertos a escoitar as opinións de todas as persoas, que non teñen que ser coincidentes. Ás veces ábrenche os ollos para ver novas dimensións. A xente quería goberno, está claro, pero non se puido formar porque houbo un bloqueo das tres dereitas e de forzas de esquerda. Nós non queriamos ir a eleccións. 

Disimulárono moi ben. 
Nós queriamos formar goberno. De feito nese período presentamos a toma en consideración da lei de eutanasia; eu, como voceira da comisión de sanidade, presentei unha proposición non de lei de medidas para previr e paliar o tabaquismo... Puxémonos a traballar con vistas á investidura. 

Pedro Sánchez quere un Goberno en minoría. Vostede formou parte dun así, que tivo moitas dificultades. Que lle diría? 
O que vivimos no Concello foron catro anos de bloqueo da oposición nos orzamentos e noutros asuntos que podían favorecer a cidade. 

Que lle fai pensar que nun Goberno nacional non ía ser así? 
Creo que non é comparable. Está claro que hai que negociar. Pero nos 15 meses nos que gobernamos sacamos adiante moitísimas medidas: a revalorización das pensións, volvemos a universalizar a sanidade, extendemos aos 52 anos a prestación a parados de longa duración, aumentamos o salario mínimo... 

Pasou de levar economía no Concello a sanidade no Congreso. Séntese máis cómoda nesta área?
Eu no Concello sentinme moi cómoda. Aprendín moito. Puidemos facer moitas cousas, aínda que non todas as que quixéramos. Na vida todo é unha aprendizaxe, non se pode parar de aprender. 

Feijóo diríalle que á política hai que ir aprendido... 
Si, pero eu levo detrás unha vida profesional moi longa e intensa, con distintas responsabilidades, que me fixeron coñecedora dos problemas da xente. Teño un recorrido que igual outras persoas non teñen e creo que aporta moito. É verdade que o mundo da sanidade gústame moito porque é precisamente un dos pilares básicos do socialismo. Cando unha persoa se enfrenta a unha enfermidade non hai máis igualdade ca poder acceder aos servicios sanitarios independentemente do contexto socioeconómico e de onde resida. 

Falemos de Alcoa. Estalle facendo un roto electoral ao PSOE? 
O que teño que dicir é que somos un aliado de futuro para a industria galega. Fronte aos 38 millóns que o Goberno de España destinou a Alcoa para as emisións de CO2, a Xunta puxo cero euros. Iso é o que terán que valorar as persoas cos seus votos nas urnas. 

Un dos principais problemas é o prezo da electricidade e as axudas ao CO2 non suficientes. Que cre que podería facer a Xunta? 
O Estatuto de Autonomía no seu artigo 30 di que as competencias de industria son da Xunta. O PP está facendo demagoxia, falseando continuamente. En vez de portarse con lealdade institucional axudando a que haxa solucións estase convertendo en parte do problema. E fronte a iso o PSOE apoia os traballadores. 

Cre que os traballadores perciben ese apoio? 
O Goberno está facendo todo o que pode facer neste momento. E cando haxa un Goberno estable aprobarase o estatuto para as electrointensivas.

Hai quen sostén que podería terse aprobado xa, vía decreto. 
Hai quen sostén moitas cousas. O Goberno en funcións non pode. 

O estatuto véndese como a táboa de salvación, pero dependerá das medidas que recolla. Prevén algunhas das que propoñen a Xunta e Alcoa, como rebaixa do imposto eléctrico e a redución de cargas e peaxes? 
Imos seguir traballando en todo o que supoña apoiar a industria. 

Como viaxa a Madrid? 
Ultimamente en avión. 

Acabará a lexislatura viaxando en alta velocidade ferroviaria? 
Estou segura. Aínda que hai que matizar que cando Ábalos falou de alta velocidade falou da conexión de Lugo coa alta velocidade de Ourense. Non podo dicir se Lugo vai ter ou non Ave. 

O PP di que o Goberno socialista simplemente está licitando o que eles deixaron preparado e que non hai avances nas variantes, que é o que fará competitivos os tempos. 
Foi o Goberno socialista o que sacou a licitación o que o PP tiña metido nun caixón: a electrificación da vía, parte das obras do tramo Ourense-Lugo... A ministra Nadia Calviño dixo que se licitaran 100 millóns de euros, un investimento moi superior aos dos anos anteriores. O Goberno está totalmente comprometido coa mellora das infraestruturas galegas. 

Para rematar. Se gañan, celebraríao con Sonsoles López? [Damnificada pola pugna das listas] 
Celebrareino con todos os compañeiros que se acerquen á sede.

Faceta persoal 
"A miña filla estreouse votando comigo, en abril, e a mediana vota por primeira vez agora"

Vén de familia de farmacéuticos, tamén socialista? 
Creo que non debo falar aquí dos meus pais, que sempre nos deron liberdade e nunca nos preguntaron a quen votabamos. O avó da miña nai foi alcalde da Pastoriza, e un primo de meu pai, Luis Macía, estivo moi significado coas esquerdas. 

A política ten partes feas, e vostede viviuno coa polémica polas listas. Cambiáronlle o compañeiro de lista [Javier Cerqueiro por Sonsoles López]. Está máis cómoda agora? 
Estou cómoda con calquera socialista porque compartimos a forma de ver a vida. Para min a política non ten unha parte fea mentres o debate sexa con respecto. 

Coñezo algunha compañeira súa cuxos fillos votan a Podemos. É o caso? 
O voto é segredo. A filla maior estreouse comigo, en abril, e a mediana vota por primeira vez o 10. 

A xente nova adoita ser moi crítica. Son o seu peor público? 
Apóianme moitísimo. Como toda a xuventude, teñen moitísimas preocupacións. Na casa falamos de política, falamos moito de dereitos das mulleres, porque son tres nenas, da brecha de xénero. 

Que lle gusta ademais da política? 
Escoitar música, ler, camiñar e ver series en inglés, para aprender. 

Series políticas?
Algo de todo. Encantoume El Espía [intelixencia militar israelí].


 

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/lugo/ana-prieto-politica-non-hai-parte-fea-mentres-haxa-respecto/201911081033121406118.html


© 2019 El Progreso de Lugo

Rúa Ribadeo 5, Lugo

Tlfno: 982 29 81 00

(Grupo El Progreso)