Os amigos de Xose da Flor empápanse da súa "bonhomía" e bo facer cultural

Eme de Meira, coa colaboración doutras entidades, organizou actos na súa memoria

Partido amigable no campo de fútbol do Acibreiro da Pastoriza. TEÓFILO LÓPEZ
photo_camera Partido amigable no campo de fútbol do Acibreiro da Pastoriza. TEÓFILO LÓPEZ

A asociación cultural Eme de Meira promoveu a celebración da segunda homenaxe a quen fora o seu presidente, Xose Salgado, coñecido como Xose da Flor, cunha serie de actos que buscaban "empaparnos desa maneira de ser que tiña el e tentar ser un pouquiño como era el", indican.

Os primeiros en lembralo foron os humoristas Quico Cadaval e Carlos Blanco, que aproveitaron a súa actuación na casa da cultura meirega para destacar a "bonhomía" e a actitude sempre positiva dunha persoa que traballou toda a súa vida a prol da dinamización cultural e social da súa terra.

"Decidimos facelo e queremos que teña continuidade non só para homenaxear e recordar a Xose, senón tamén para xuntarnos todos os que eramos amigos del, porque foi esa amizade a que uniu xente que nin nos coñeciamos entre nós", resumen dende Eme de Meira, cuxo programa de actos arrincaba cun partido de fútbol no Acibreiro da Pastoriza entre xogadores da UD Pastoricense e do Meira CF, os dous conxuntos nos que militara Xose.

Logo do encontro, que os anfitrións gañaron por 3-1, un cento de persoas citáronse nun xantar de irmandade nos Cabanóns da Praza do Covento

Logo do encontro, que os anfitrións gañaron por 3-1, un cento de persoas citáronse nun xantar de irmandade nos Cabanóns da Praza do Covento, onde non faltaron os brindis, e despois disputábase un aberto de billarda, outra das grandes afeccións do homenaxeado.

Tamén no festival M de Cine estivo presente o seu recordo, coa entrega do premio do público que leva o nome dunha persoa para que teñen solicitada a declaración de Fillo Predilecto de Meira e poñerlle o seu nome á biblioteca.

Comentarios