Amigos do Patrimonio cumpre tres lustros na defensa de Castroverde

A asociación presidida por Manuel Muñiz suma anos de roteiros, viaxes, divulgación e teima na recuperación da Fortaleza, da contorna de Soutomerille e do trazado do Camiño Primitivo
2020110514420749475
photo_camera Integrantes da asociación, no lugar de Bolaño. EP

Un día de feira, coma calquera outro, xuntáronse varios veciños en Castroverde. Eran xa todos amigos do patrimonio, pero aínda demorarían varios anos en crear a asociación homónima que hoxe cumpre tres lustros. Paco Pestana, Ricardo Polín e Manuel Muñiz comentaron, aquel día, que os pendellos do recinto feiral precisaban dun amaño. Denunciaron esa cuestión, pero axiña se desviaron cara a outras de maior calado.

Amigos do Patrimonio, que hoxe conta con 120 socios, suma centos de quilómetros de roteiros, viaxes e liñas escritas para divulgar e defender o patrimonio da zona. Un pulo que non sempre acadou os seus obxectivos, como recoñece Manuel Muñiz neste aniversario no que é inevitable facer balance.

As grandes demandas do colectivo foron, e continúan a ser, as da recuperación da fortaleza de Castroverde, da contorna de Soutomerille e do trazado do Camiño Primitivo. De todas estas cuestións, Muñiz indica que a asociación só pode celebrar o recoñecemento do tramo histórico entre Vilalle e Soutomerille como alternativa da ruta xacobea trazada pola Xunta e que consideran "adulterada, non só aquí, senón en moitos outros lugares", di. Sen embargo, nesta cuestión, "aínda falta levar o camiño polas Penas de San Lázaro e pola fortaleza, seguindo o seu trazado orixinal", insiste Muñiz.

O colectivo logrou a irmandade entre todos os lugares que levan o topónimo de Castroverde na Península

Sobre esta fortaleza medieval, a loita non chegou a dar os froitos desexados. "Falta a sinatura dun propietario para poder facer a transferencia da súa titularidade. Ten unha mínima parte, pero sen iso non se pode facer nada", lamenta Muñiz. Por outro lado, o presidente da entidade tamén sente o estancamento referido á aldea de Soutomerille e ao seu singular cemiterio e igrexa de orixe prerrománica. Nos dous casos, denuncia que os proxectos deseñados pola Xunta na época do bipartito caesen "no esquecemento".

REDE. O que non parou de medrar neste tempo foi a rede de persoas implicadas coa defensa da cultura. A asociación estendeu os seus brazos aos varios Castroverde da Península, que cada ano se reúnen nun dos lugares que locen este topónimo. Tamén cada ano a asociación estreita os seus vencellos con outras galegas, como Arcas, de Sarria, Arumes do Corgo ou Caamouco, de Redes.

O colectivo marcou no calendario o segundo sábado de mes para facer sempre unha ruta, pero a súa actividade mensual excede ese día concreto. Incluso despois do confinamento, o colectivo recuperou o ritmo, con sete ou oito actividades nos meses de xuño e xullo. Foi xusto nese momento que recibiron a boa nova por parte do Concello da súa proposta de recoñecemento de Ricardo Polín como cronista oficial de Castroverde; de Paco Pestana como Fillo Predilecto e de Manuel Varela Gorgoso como Fillo Adoptivo.

Nesta celebración marcada pola pandemia, Muñiz agradece o compromiso dos socios, cunha lembranza especial "para os que xa nos deixaron".

Comentarios