Álvaro Santos: "O PSdeG vén dunha época de letargo"

O voceiro da Deputación cre que é hora de definir o proxecto do PSOE na provincia

Álvaro Santos. XESÚS PONTE
photo_camera Álvaro Santos. XESÚS PONTE

Xa avanzou algunhas propostas do seu programa como o consello de alcaldes.

O consello de alcaldes é unha das iniciativas novidosas que creo que poden axudar a artellar un xeito de facer política máis dinámico e corresponsable e usando o traballo como instrumento de unidade. Hai que crear espazos de participación e opinión para enriquecer o proxecto de partido para a provincia. Quero definir un proxecto claro, nidio e transparente para que o PSOE diga que esta é a provincia que quere e impulsa. O partido vén dunha época de letargo e agora toca saír á rúa para falar e deseñar un proxecto no que todos nos vexamos reflectidos, a militancia pero tamén a sociedade. Eu pregúntome: Cal é o proxecto do PSOE para a provincia? Pois creo que agora non está definido.

E de quen foi logo a culpa?

Creo que proxecto definido non o ten o PSOE e ningún partido, pero é por culpa da dinámica da inmediatez, do curtopracismo e de dar respostas simples a problemas complexos, que poden satisfacer a expectativa de recibir a mensaxe dun cidadá pero que non afondan na busca dunha solución.

Cal vai ser a prioridade da súa xestión se sae elixido?

O primeiro que vou facer é que os coordinadores comarcais impulsen a creación de consellos comarcais, porque hai unha opinión no partido de volver ao modelo de comarcas en lugar do provincial, porque é máis dinámico. Ademais creo que será a forma de dinamizar as agrupacións, porque tamén temos un reto que é baixar a idade media dos militantes. Vemos que as estruturas xuvenís non son moi grandes e por iso pretendo xerar a dinámica de traballo para que haxa foros de debate nas agrupacións e para fomentar a participación.

Xa leva varios actos coa militancia, que impresión lle deixou?

A impresión é moi positiva, porque vexo que a xente ten ganas de que estean as cousas claras no partido. Quéixanse da falta de actividade e de contido para traballar. En Friol teño unha organización dinámica e hai reunións cada 15 días nas que se fala de todo e é marabilloso ver como a xente estimula a súa capacidade de debate. Os militantes queren presumir do peso institucional que temos, de gobernar 28 alcaldías e a máis da metade da poboación, e onde non temos alcaldes necesitan ter partido.

Di de vostede algún rival que é o candidato da Deputación.

Iso é mentira. Eu non entendería que un militante non se puidese presentar por ter un cargo institucional. Eu son deputado provincial, pero son un militante máis. É un argumento bastante débil. Non levo mochila detrás. É verdade que Darío (Campos) ten dito que me apoia, pero eu tomei a decisión, non teño pactos con ninguén, lancei a candidatura logo do congreso galego e aí vou, cunha independencia que creo que é notoria. Non represento os intereses de ningún grupo, ao contrario, quero que sumemos todos.

Comentarios