Álvaro Riazor, o corgués máis lonxevo, celebra o seu 103 aniversario

O centenario, que vive na parroquia de Gomeán, mantén un aceptable estado de saúde e goza xogando ao tuté
Álvaro Riazor sopra as candeas no seu aniversario. EP
photo_camera Álvaro Riazor sopra as candeas no seu aniversario. EP

Tiña o capricho de chegar aos 100 anos e suma 103. Álvaro Riazor, o veciño máis lonxevo do Corgo, celebrou o domingo o seu aniversario. Compartiu tarta cun sobriño tres décadas máis novo.

Nesta significada data, Álvaro Riazor comeu ben e tomou dous vasos de viño de Amandi e un chupito de Chivas. Di que o segredo da súa lonxevidade é "non exceder en cousa algunha, aínda que se celebre de vez en cando". Sempre foi un ancián con vitalidade, como o demostra o feito de conducir ata os 95 anos. Aínda hoxe pasea pola contorna da casa.

A reunión familiar rematou cunha partida de tuté, "xogo ao que é moi afeccionado", conta o seu fillo Álvaro, con cuxa familia vive o centenario, ao lado da casa onde naceu en Matafaxín, na parroquia de Gomeán. Residiu toda a vida neste lugar, salvo na Guerra Civil, cando estivo en Lleida, aínda que librou de ir á fronte.

O seu estado de saúde e bo, coa excepción dalgún problema visual. "Foi un home que camiñou moito, polo seu labor de garda forestal. Penso que esa actividade física contribúe a que estea nun bo estado", asegura o seu fillo.

Álvaro Riazor é viúvo. Casou con Josefa e o matrimonio tivo catro fillos, dos que viven tres.

Comentarios