Alumnos de Becerreá e Lugo álzanse cos primeiros premios de oratoria no certame Parlamento Xove

No certame organizado pola Consellería de Política Social chegaron a participar 1.547 estudantes galegos

Alumnos do IES de Becerreá, co premio de oratoria. PEPE FERRÍN
photo_camera Alumnos do IES de Becerreá, co premio de oratoria. PEPE FERRÍN

Alumnos do IES de Becerreá e do Colexio Plurilingüe San José de Lugo alzáronse co primeiro premio na categoría de Oratoria no certame Parlamento Xove 2018, organizado pola Consellería de Política Social, e no que chegaron a participar 1.547 estudantes galegos. Os gañadores déronse a coñecer na mañá deste sábado nun acto celebrado no Parlamento no que participaron os 16 equipos finalistas procedentes de 14 centros educativos de Galicia e dos que saíron tanto os vencedores individuais como os colectivos que, neste último caso, recibiron un cheque de 5.000 euros para a realización dunha viaxe.

Alumnos do Colexio Plurilingüe San Xosé de Lugo, co premio do Parlamento Xove. PEPE FERRÍNOs vencedores da categoría Eso terán ademais a oportunidade de participar no certame de oratoria a nivel nacional que se celebrará no Senado, co patrocinio da Cámara galega e nunha competición estatal organizada no seo da Conferencia de Presidentes de Parlamentos Autonómicos (Coprepa).

O vicepresidente primeiro do Parlamento de Galicia, Diego Calvo, e o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, presidiron o acto do Parlamento galego que puxo fin a un certame no que os mozos tiveron que debater sobre educación ambiental, cos incendios como pano de fondo, o cambio climático e os posibles beneficios académicos ou laborais dun ano sabático.

A iniciativa enmárcase na liña actual de "apertura do Parlamento á sociedade" e, neste caso, aos estudantes, e ao impulso a medidas que lles permitan "aprender valores, convivencia, respecto ao adversario e adestramento en habilidades dialécticas", destacou Diego Calvo.

Premiados no Parlamento Xove. PEPE FERRÍNO vicepresidente primeiro do Parlamento puxo en valor os temas escollidos para o debate, como a educación ambiental nos centros educativos, abundando en que "é evidente que o monte non arde só senón que alguén lle prende lume", e que "resulta ineludible unha actitude vixiante fronte aos delincuentes que atacan o monte, sempre á beira dun rexeitamento social absoluto".

O elevado nivel dos estudantes nesta novena edición de Parlamento Xove foi aplaudido por Rey Varela, que agradeceu a participación nunha iniciativa que imprime valores, pluralismo e capacidade de argumentar, e que se dirixe a un dos "maiores activos" cos que conta Galicia, como é a mocidade.

En Parlamento Xove, debátese por sorteo a postura que cada equipo debe defender e argumentar, a favor ou en contra, co que se contribúe ao desenvolvemento da competencia lingüística, matemática, no tratamento de información, e competencia dixital ou cultural, entre outros aspectos.

VENCEDORES. O Colexio Maristas Inmaculada de Lugo resultou subcampión na categoría Eso de Parlamento Xove e o Colexio SEK-Atlántico de Poio, subcampión en bacharelato. En categorías individuais, en Eso, venceron Almudena Mesejo Gondar, de Vilagarcía; Yago José Cabrera Díaz, de Lugo; Paula Parente Castedo, de Lugo, e Manuel Kevin Campos Pérez, de Pontevedra. En ESO, os premiados foron Saúl Corredoira, de Lugo; Silvia López Soto, de Becerreá; Xoel Rodríguez Pou, de Becerreá, Elena Bengoa, de La Salle e Sabrina Pérez López, de Monforte.

BECERREÁ, VENCEDORA POR CUARTO ANO. Foi a cuarta vez que o Instituto de Becerreá resulta vencedor do certame, en categoría de bacharelato, o que sitúa aos seus estudantes como os mellores en oratoria de Galicia, tamén con gañadores en categoría individual, un "orgullo" para un dos seus profesores, Xulio Teixeiro, que vinculou o éxito ao "esforzo, traballo e dedicación" dun centro con bastante "tradición" no estudo da oratoria.

"A verdade é que a oratoria axuda moitísimo a desenvolverte en moitos ámbitos porque basicamente vai seguir na túa vida diaria, tanto para argumentar calquera cousa como para desenvolver a túa capacidade de expresarte verbalmente en moitos ámbitos", explicou Silvia López Soto, estudante do IES de Becerreá. Unha oratoria que agora, aseguran, terán que utilizar para decidir o lugar da viaxe ao que destinarán os 5.000 euros do premio e que, de momento, aínda está pendente de debate.

Comentarios