O alumnado de Becerreá anima a quedar na casa lendo a Rosolía de Castro

▶ Os integrantes do Equipo de Dinamización Lingüística do instituto grabaron un poema recitado entre todos que subiron a Youtube
Un fragmento del vídeo subido por el IES de Becerreá.YOUTUBE
photo_camera Un fragmento del vídeo subido por el IES de Becerreá.YOUTUBE

E todo o que estabamos facendo para celebrar o Día de Rosalía? Seica preguntou o alumnado do IES de Becerreá que forma parte do Equipo de Dinamización Lingüística (EDL) do centro aos seus profesores, logo de que se decretase o estado de alarma e o confinamento. Para non perder todo o traballado, xuntos decidieron facer súa a frase da escritora: Adiante, compañeiros, toda a terra é nosa. E seguir. Así, cadaquén dende a súa casa, separados pero xuntos, escolleron o poema Por que, miña almiña?, e repartíronse os versos, que gravaron dende a súa casa baixo a batuta de Luz Bermúdez, profesora de música e coordinadora do EDL, e coa montaxe final que realizou Fernando Cerecedo.

"Nós sempre facemos cousas xuntos, sempre traballamos en equipo. Somos un centro pequeno, e se cadra por iso botámonos moito máis de menos", comenta Luz Bermúdez ante ese logro de poder facer cousas xuntos, e de servirse dunha poesía que tamén axuda a sobrelevar os peores momentos, como é a de Rosalía.

Reunirse nun poema e nunha pantalla foi emocionante nestes momentos, e seguirano facendo. Profesorado e alumnado do EDL xa están artellando a maneira de festexar o Correlingua e tamén o Día das Letras Galegas para Carballo Calero.

Esta forza mantense a pesar de que os profesores están tendo unha carga de traballo moi superior á do curso en circunstancias normais, tendo que adaptarse e reinventar os métodos de ensino para seguir co ritmo que esixe nestes momentos a Xunta de Galicia. Luz Bermúdez, profesora de música, tivo que reiventar a materia sen os instrumentos dos que dispón na clase e até puxo en marcha un blog con contidos para o alumnado. As redes sociais fan, deste xeito, de rede de apoio, como tamén os poemas e toda a cultura que dende o centro queren reivindicar nun momento coma este.

A lectura colectiva pode verse dende a canle de Youtube do centro, á que dan acceso dende a páxina web do IES. Entre todos, fan soar esa mensaxe de esperanza: "Toda a terra é nosa!".

Comentarios